A Tenencia de Alcaldía impulsa novas actuacións de mantemento para mellorar a imaxe do alumeado público

Alexandre Penas: "Trátase dunha actuación que realizamos periodicamente e que mellora enormemente a imaxe dun elemento que se pode atopar por todas as rúas de Lugo".

Durante os últimos anos, o Goberno de Lugo renovou gran parte da rede de alumeado público de Lugo, "apostando polas luminarias LED que reducen o consumo eléctrico".

Mércores, 18 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía impulsa novas actuacións de mantemento para mellorar a imaxe do alumeado público

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que o Goberno de Lugo continúa a desenvolver novas actuacións destinadas á mellora da imaxe da rede municipal de alumeado público, a través de traballos de mantemento e reacondicionamento das farolas en distintos puntos da cidade.

Segundo explicou o edil, “estamos a actuar no reacondicionamento das farolas, unha intervención que permitirá garantir o bo estado destes elementos, especialmente no casco histórico, onde ademais de cumprir a súa función de iluminación teñen un importante valor estético e contribúen á imaxe da vía pública”.

Penas destacou que esta actuación forma parte dun traballo continuado no tempo, xa que se "trata dunha tarefa de mantemento que realizamos de maneira periódica e que mellora notablemente a imaxe dun elemento urbano moi visible e presente en todas as rúas de Lugo”.

O concelleiro lembrou tamén o esforzo realizado nos últimos anos na modernización do alumeado público. "Desde a nosa chegada ao goberno levamos a cabo un importante investimento na renovación da rede, superando os 3 millóns de euros, apostando pola implantación de luminarias LED de baixo consumo que permiten reducir o gasto enerxético e mellorar a iluminación, diminuíndo as zonas escuras”.

Alexandre Penas subliñou que “continuamos a traballar na mellora dos barrios e dos accesos á cidade, contribuíndo a incrementar a calidade de vida das veciñas e veciños”, e lembrou que desde a área de Infraestruturas Urbanas “planificamos as actuacións atendendo ás demandas veciñais e mediante un traballo constante de visitas e seguimento sobre o terreo”.

Audio

  • O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre a renovación do alumeado | Descargar mp3

Noticias relacionadas