O Concello encara a fase definitiva da tramitación do convenio para reformar e ampliar as actuais instalacións do albergue da Protectora de Muxa.

O informe-proposta xa está asinado e permitirá aprobar o convenio de colaboración, último paso antes da súa sinatura e da tramitación económica para iniciar unhas obras cun investimento de 744.436 euros, divididos a partes iguais, entre as tres administracións.

Luns, 06 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello encara a fase definitiva da tramitación do convenio  para reformar e ampliar as actuais instalacións do albergue da Protectora de Muxa. O Concello encara a fase definitiva da tramitación do convenio  para reformar e ampliar as actuais instalacións do albergue da Protectora de Muxa
O Concello de Lugo deu hoxe un paso decisivo para facer realidade a ampliación da Protectora de Animais. Coa sinatura do informe-proposta do Servizo de Fomento queda rematada a tramitación técnica competencia municipal, necesaria para aprobar o convenio de colaboración entre o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo.Trátase do último paso administrativo previo á aprobación do convenio na Xunta de Goberno Local, á súa sinatura polas catro partes e á tramitación económica que permitirá iniciar as obras.
 
O investimento ascende a 744.436,09 euros e permitirá acometer a legalización, reforma e ampliación das instalacións actuais, cunha previsión de que as obras estean executadas e xustificadas antes do 31 de decembro de 2026.
 
A actuación suporá unha importante mellora das condicións da Protectora, adaptando o centro ás esixencias da normativa vixente e creando unhas instalacións máis modernas, funcionais e preparadas para ofrecer unha mellor atención aos animais acollidos. As obras permitirán mellorar os espazos de aloxamento, o seu manexo e a atención veterinaria, dando resposta a unha demanda histórica da cidade.
 
Este proxecto é posible grazas á colaboración entre as catro entidades implicadas. O Concello de Lugo exerce as súas competencias en materia de benestar animal; a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, impulsa as políticas de protección animal; a Deputación Provincial participa no financiamento da actuación; e a Sociedade Protectora de Animais achega a súa experiencia e o traballo diario que desenvolve co coidado dos animais.
 
Todas elas comparten un mesmo obxectivo: que Lugo conte cunhas instalacións acordes ás necesidades actuais e cun centro que reúna todas as condicións técnicas, sanitarias e funcionais para garantir o benestar dos animais.
 
Con este novo avance administrativo, Lugo abre unha nova etapa para a Protectora de Animais. O Concello confía en que a aprobación e sinatura do convenio poidan completarse nos próximos días para iniciar canto antes unhas obras que marcarán un antes e un despois nas instalacións e no benestar animal da cidade.

Noticias relacionadas