Este dispositivo, que conta cunha unidade de drons para realizar un seguimento en tempo real dos eventos con maior afluencia de público, se coordinará co posto de mando que estará fixo na praza do seminario centralizando a información e a xestión de posibles incidencias.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañada por membros do equipo de Goberno, visitou o posto de mando avanzado móbil do Arde Lucus, que onte se ubicou no barrio de A Ponte durante o acto de inicio da festa. O posto de mando avanzado móbil conta ademais cunha unidade de drons, un equipo cedido polo CIFP As Mercedes, centro que imparte formación especializada nesta área.
Este recurso traballará de forma coordinada co segundo posto de mando avanzado que estará nunha localización fixa situado na Praza do Seminario, e que foi cedido pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), converténdose ambos no centro neurálxico desde o que se centralizará a información e a xestión de calquera eventualidade que poida producirse durante os días da celebración.
A través destes dispositivos realizarase un seguimento en tempo real dos eventos con maior afluencia de público, reforzando a coordinación entre os distintos servizos de emerxencia e seguridade para garantir unha resposta rápida e eficaz ante calquera incidencia.
Durante a visita, Elena Candia puxo en valor o traballo de planificación e coordinación que hai detrás dun evento que cada ano reúne a miles de persoas nas rúas da cidade.
A alcaldesa quixo agradecer expresamente o labor dos Bombeiros, da Policía Local, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, de Protección Civil así como do persoal municipal que estes días velan para que lucenses e visitantes poidan gozar da festa con total normalidade. “se hoxe podemos disfrutar do Arde Lucus é grazas ao seu esforzo e profesionalidade.
Candia tamén destacou a colaboración dos profesionais do servizo de autobuses urbanos, que participaron no dispositivo especial habilitado para facilitar os desprazamentos ao acto que se celebrou no barrio de A Ponte contribuíndo a unha mobilidade máis cómoda e ordenada.
“Cando miles de persoas saen á rúa para desfrutar dunha festa, a mellor noticia é que todo transcorra con normalidade. E iso é posible grazas á planificación, á coordinación e ao traballo dos profesionais que velan pola nosa seguridade”, sinalou a alcaldesa.
O Concello anima á cidadanía a seguir desfrutando da programación do Arde Lucus con responsabilidade e atendendo ás indicacións dos servizos de seguridade e emerxencias para que a celebración continúe desenvolvéndose con éxito.




