A pandemia duplica en Lugo o número de persoas usuarias do servizo municipal Xantar no Fogar

A área de Benestar dobrou xa en xullo o investimento na prestación ata chegar aos 160.000 euros. A finais de setembro os menús elaborados xa ascendían a 21.939, 3.000 máis que en todo 2019

Dos 121 beneficiarios actuais a maioría son mulleres, maiores de 65 anos ou padecen algún grao de depedencia e non teñen apoio familiar

Dende o Concello, se lles ofrece unha atención integral que aborda dende o coidado da súa saúde, empezando pola dieta, ata o acompañamento telefónico para evitar o seu illamento social

Luns, 02 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A pandemia duplica en Lugo o número de persoas usuarias do servizo municipal Xantar no Fogar

Hoxe haberá sopa e escalope de ave con arroz, o martes sopa de arroz e tenreira con pataca asada e o venres, por exemplo, crema de cabaciña e raia ao vapor. Estes son tres dos menús desta primeira semana de novembro para as e os usuarios que seguen un réxime astrinxente. Os que teñen asignada unha dieta basal, en cambio, comerán, eses mesmos días, empanada de carne e paella mixta, callos á galega e tortilla de cabaciña con pisto e berenxena gratinada e pito ao allo con pataca panadeira.

A empresa Alimentación Saudable, encargada de prestar o servizo municipal de Xantar no Fogar prepara cada mañá os pratos de todas e todos os comensais, respectando as indicacións sanitarias que recolle o seu historial clínico.

“Mantense un estrito control sobre a elaboración, a procedencia dos ingredientes, que preferentemente serán autóctonos, de orixe galego, para apoiar aos produtores de proximidade e que deben combinarse dun xeito saudable respectando as pautas médicas que figuran no expediente de cada beneficiario”, explica a edil de Benestar.

Olga López Racamonde, sinala que a comida se prepara mediante un proceso de cociñado en frío, para garantir non só a súa conservación senón as propiedades nutricionais dos alimentos ademais da súa trazabilidade. “E dos fogóns, dúas veces á semana, entrégase nos domicilios particulares nos que só se precisa dispoñer dun microondas para degustalos”.

Dende que comezou a pandemia o número de beneficiarios do servizo duplicouse ata alcanzar os 121 actuais. En todo o 2019 elaboráronse 18.944 menús para 72 persoas, mentres que só ata setembro de 2020 se teñen xa contabilizados 21.939 xantares. A maioría, en torno ao 60%, son mulleres, maiores de 65 anos, que viven soas e ás que, logo do confinamento obrigado que impuxo o Estado de Alarma, a permanencia do COVID as mantén nun illamento aconsellable ante o risco de contaxio.

A área de Benestar que dirixe Olga López Racamonde, tivo que duplicar en setembro a partida económica asignada a esta prestación, pasando dos 80.000 € aos 160.000 euros. Un orzamento que mesmo se complementa con outras axudas, a través da emerxencia social, que cobren incluso a adquisición dos propios electrodomésticos para quentar a comida.

“Unha atención integral, coa que pretendemos atender todas as necesidades asistenciais das e dos nosos maiores, mellorando o seu coidado e calidade de vida pero contribuíndo tamén a que se desenvolvan con autonomía e poidan permanecer nos seus fogares co fin de que manteñan o seu arraigamento e o contacto coa comunidade veciñal á que pertencen”, subliña López Racamonde ao tempo que lembrou que o executivo de Lara Méndez destinou, neste 2020, 28 millóns de euros dos orzamentos ás políticas sociais.

No Concello de Lugo hai 5.000 persoas maiores de 65 anos que residen soas nas súas vivendas e sobre as que, dende a área de Benestar, se realiza un seguimento continuado co fin de informalos dos recursos que teñen á súa disposición en función das necesidades que presenten e que inclúe tanto a súa manutención, cunha dieta equilibrada e acorde ao seu estado de saúde, como a axuda para a realización das tarefas domésticas, a dinamización sociocultural específica e mesmo o acompañamento telefónico para evitar a súa exclusión ou illamento social.

Audio

  • A edil de Benestar, Olga López Racamonde, sobre o Xantar no Fogar | Descargar mp3

Noticias relacionadas