Lugo consolida o aumento da reciclaxe en 2025 mentres descende a fracción resto por habitante

A recollida de envases lixeiros medrou un 4,14%, o papel e cartón un 5,01% e o vidro un 3,32%, consolidando a tendencia positiva na separación de residuos na cidade. 

Desde o ano 2022, coincidindo coa implantación do actual modelo de xestión, Lugo incrementou nun 34,95% a reciclaxe de envases lixeiros e nun 95,60% a de papel e cartón.

O Concello ampliará a recollida de materia orgánica cunha segunda fase que incorporará preto de 180 contedores marróns na zona norte de Lugo.

Miguel Fernández salientou que “a redución da fracción resto por habitante confirma que a veciñanza está a mellorar as dinámicas de separación dos residuos e que Lugo continúa avanzando cara a un modelo máis sostible”.

Xoves, 12 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo consolida o aumento da reciclaxe en 2025 mentres descende a fracción resto por habitante

O Concello de Lugo presentou esta mañá o balance da xestión de residuos correspondente ao ano 2025 nun acto celebrado no composteiro comunitario da Avenida de Vilaverde, no que se puxo en valor o avance da cidade na separación e reciclaxe dos residuos e o impulso aos sistemas de tratamento da materia orgánica. Os datos amosan unha evolución positiva nas principais fraccións reciclables, ao tempo que a fracción resto —a que corresponde aos residuos non separados— descende en termos relativos por habitante.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou durante a presentación que “estes datos amosan que Lugo continúa avanzando na mellora da xestión dos residuos grazas ao compromiso da veciñanza e ao reforzo dos servizos municipais”. O rexedor subliñou especialmente o feito de que a xeración de residuos por habitante e día descendera lixeiramente respecto ao ano anterior, un indicador que “confirma que cada vez se separa mellor nos fogares e que a cidadanía está cada vez máis implicada na reciclaxe”.

En termos globais, durante 2025 recolléronse na cidade 1.621.420 quilos de envases lixeiros, o que supón un incremento do 4,14% respecto a 2024. No caso do papel e cartón, a recollida acadou os 1.924.060 quilos, cun aumento interanual do 5,01%, mentres que o vidro tamén rexistrou unha evolución positiva, medrando un 3,32% ata alcanzar as 1.073,41 toneladas. Estas cifras consolidan unha tendencia de crecemento sostido na reciclaxe das principais fraccións, que se mantén nos últimos anos grazas á mellora dos servizos municipais e á progresiva concienciación cidadá.

Ademais destas fraccións, tamén se rexistraron incrementos noutras recollidas específicas. Así, os residuos téxtiles medraron un 8,38%, mentres que os materiais depositados no punto limpo municipal aumentaron un 15,93%, o que reflicte un maior uso deste servizo por parte da veciñanza para a correcta xestión de residuos especiais ou voluminosos.

No caso da fracción resto, o volume total situouse nas 36.302,52 toneladas, cun incremento moi leve do 0,24% respecto ao ano anterior. Non obstante, ao ter en conta o aumento da poboación no municipio, a xeración de residuos por habitante e día descendeu ata os 0,994 kg/hab/día, fronte aos 0,997 rexistrados en 2024. Este dato interprétase como un indicador positivo da evolución dos hábitos ambientais da cidadanía, xa que implica unha mellor separación dos residuos e unha maior derivación de materiais cara ás fraccións reciclables.

Un crecemento moi notable desde 2022

A evolución dos últimos anos confirma esta tendencia positiva na reciclaxe en Lugo. Desde o ano 2022, coincidindo coa implantación do actual modelo de xestión de residuos, a cidade experimentou un incremento moi significativo na recollida separada de varias fraccións.

Así, a reciclaxe de envases lixeiros aumentou un 34,95% neste período, mentres que a de papel e cartón practicamente se duplicou, cun incremento do 95,60%. Estes datos evidencian a consolidación dun modelo baseado na economía circular e na separación en orixe dos residuos, no que a implicación cidadá resulta fundamental.

Avance na recollida da materia orgánica

No marco desta estratexia de mellora da xestión dos residuos, o Concello continúa avanzando na implantación da recollida selectiva da materia orgánica, considerada un dos principais retos para completar o ciclo da reciclaxe e reducir o volume de residuos destinados á fracción resto.

Actualmente Lugo conta con diferentes sistemas para a xestión desta fracción, entre os que destacan o contenedor marrón, implantado de forma piloto desde o ano 2024, o servizo específico para grandes produtores, a compostaxe doméstica no rural e os centros de compostaxe comunitaria distribuídos en diferentes puntos da cidade.

Estes espazos permiten transformar os residuos orgánicos en compost mediante un proceso natural, favorecendo un modelo de xestión máis sostible, de proximidade e con menor impacto ambiental. Durante o primeiro ano de implantación destes sistemas recolléronse 550,76 toneladas de materia orgánica, unha cifra que se prevé que continúe aumentando a medida que se amplíe a rede de infraestruturas e medre a participación da veciñanza.

Neste sentido, o Concello iniciará agora unha segunda fase de implantación do contedor marrón, que suporá a instalación de preto de 180 novos contedores na zona norte da cidade. Estes iranse colocando de maneira progresiva ao longo do vindeiro mes, co obxectivo de seguir ampliando a recollida separada da materia orgánica e facilitar a participación da cidadanía neste sistema.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o aumento da reciclaxe en 2025 | Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo consolida o aumento da reciclaxe en 2025 mentres descende a fracción resto por habitante

Noticias relacionadas