O Concello de Lugo aproba un programa municipal específico para ordenar e reforzar o traballo e a xestión das colonias felinas

A alcaldesa agradeceu a Asociación Michos e ás persoas voluntarias a súa implicación no benestar dos gatos comunitarios e indicou que con este programa se elaborará un rexistro municipal de coidadores (con entrega de carné) e un censo de gatos e de colonias do municipio.

Xoves, 18 de xuño de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo aproba un programa municipal específico para ordenar e reforzar o traballo e a xestión das colonias felinas

O Concello de Lugo aprobou o primeiro Programa para a mellora e control poboacional das colonias felinas, formación e concienciación social do municipio, un documento que permitirá avanzar cara a unha xestión máis ordenada, eficaz e coordinada dos gatos comunitarios da cidade.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Benestar Animal, Mar Carballas, presentaron este programa municipal de acompañadas pola presidenta e a secretaria  da asociación Michos de Lugo, Elvira Díaz e Tamara Rodríguez así como polo xefe de servizo, Miguel Negral.

O iniciativa supón un paso adiante nas políticas municipais de benestar animal ao establecer, por primeira vez, un marco estable de actuación para a xestión das colonias felinas, con protocolos claros, responsabilidades definidas e mecanismos de coordinación entre administración, entidades colaboradoras e persoas voluntarias.

O documento foi elaborado pola asociación Michos de Lugo en colaboración co Servizo de Medio Ambiente do Concello e ten como base o método CER (captura, esterilización e retorno), considerado o sistema máis eficaz e respectuoso para o control poboacional dos gatos comunitarios. Ademais, incorpora actuacións de atención veterinaria, alimentación e coidados, formación das persoas colaboradoras, mediación veciñal e accións de sensibilización social.

Entre as accións que se impulsarán con este programa municipal de colonias felinas está a  creación do rexistro municipal de coidadores aos que se lles entregará un carné (pasan de ser voluntarios alimentadores a xestores éticos das colonias); tamén se elaborará o censo de gatos comunitarios e de colonias.

O orzamento previsto para implantar o programa ascende a 30.748 euros, precisamente se solicitou unha subvención de 25.183,80 € ao Ministerio ainda que no caso de que non se reciba se fará unha achega con fondos propios.

A alcaldesa recoñeceu expresamente o compromiso da asociación Michos de Lugo e de todas as persoas voluntarias que colaboran no coidado e seguimento das colonias felinas, así como o traballo técnico e administrativo realizado polo persoal municipal, fundamental para que Lugo conte por primeira vez cun instrumento propio de planificación nesta materia.

Este programa  permitirá pasar de actuacións puntuais a unha planificación estable baseada en criterios técnicos, mellorando o benestar animal, a convivencia veciñal, a salubridade pública e a coordinación entre os distintos servizos implicados. A idea é que “o benestar animal sexa algo máis que unha cuestión medioambiental  senón tamén social”.

Máis info

Noticias relacionadas