A Tenencia de Alcaldía impulsa o I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos

Lugo acollerá o próximo mes de xullo esta cita deportiva de primeiro nivel que reunirá na cidade xogadores e xogadoras de diferentes países e que contribuirá a situar Lugo no mapa internacional do xadrez.

Maite Ferreiro: “Esta iniciativa combina perfectamente deporte, cultura e promoción turística, convertendo o xadrez nunha ferramenta para abrir a cidade ao exterior”.

Xoves, 12 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tenencia de Alcaldía impulsa o I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron xunto á Escola Luguesa de Xadrez o I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos, que se celebrará do 13 ao 19 de xullo no Auditorio Fuxan os Ventos.

O torneo conta tamén co apoio da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, ademais da colaboración de diversas entidades e empresas como Confecciones Yute, El Progreso, a FEGAXA, o restaurante Bora Bora e Deporte Galego, reforzando así a implicación institucional e empresarial nun evento que combina deporte, cultura e proxección internacional para a cidade.

A competición enmárcase ademais na celebración do 30º aniversario da Escola Luguesa de Xadrez e repartirá un total de 6.750 euros en premios, tanto para a clasificación xeral como para distintos tramos de ELO. O torneo será válido para a obtención de normas de Mestre Internacional (MI) e Gran Mestre Internacional (GMI), así como para o ranking internacional.

Durante a presentación, Maite Ferreiro destacou que este torneo internacional “supón unha oportunidade para situar Lugo no mapa do xadrez a nivel europeo e internacional, ao tempo que reforza a aposta por impulsar eventos que atraen persoas doutros lugares e contribúen a dinamizar a cidade”.

A concelleira sinalou ademais que “esta iniciativa combina perfectamente deporte, cultura e promoción turística, convertendo o xadrez nunha ferramenta para abrir a cidade ao exterior”. Neste sentido, explicou que as actividades programadas en distintos espazos emblemáticos permitirán achegar o xadrez á cidadanía e integrar o torneo na vida cultural da cidade.

A cota de inscrición será de 45 euros, cunha tarifa reducida de 40 euros para veteranos e xogadores xuvenís, mentres que os Mestres Internacionais e Grandes Mestres estarán exentos do pagamento da inscrición.

Paralelamente á competición, desenvolveranse diferentes actividades gratuítas abertas a toda a cidadanía co obxectivo de achegar o xadrez á sociedade lucense. Dentro da iniciativa Xuño Ajedrecístico programaranse propostas en espazos emblemáticos da cidade como a Praza de Santa María, A Mosqueira, o Claustro do Museo Provincial de Lugo e o Vello Cárcere, convertendo o xadrez nun protagonista máis da actividade cultural de Lugo.

As oito primeiras partidas do torneo serán retransmitidas en directo e os resultados do resto dos encontros poderán consultarse tamén en tempo real. Ademais, as persoas participantes terán a oportunidade de participar nunha visita guiada pola cidade, reforzando o carácter cultural e turístico desta cita internacional.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos | Descargar mp3

Multimedia

  • A Tenencia de Alcaldía impulsa o I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos

Noticias relacionadas