Miguel Fernández visitou unha mesa informativa de Alcer Lugo e puxo en valor o seu labor para promover hábitos de vida saudables cara á prevención de patoloxías.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, visitou esta mañá unha das mesas informativas que a asociación Alcer Lugo instalou ao carón da casa consistorial, con motivo do Día Mundial do Ril 2026. Como cada 12 de marzo, Alcer Lugo, que traballa para dar a coñecer a enfermidade renal crónica e atender ás persoas que a padecen, busca informar e dar visibilidade a esta patoloxía, que está a experimentar un crecemento preocupante entre a poboación mundial. Neste sentido, o alcalde de Lugo fixo un chamamento á poboación sobre “o avance da enfermidade renal crónica e a importancia de darlle visibilidade, ademais de promover entre a sociedade bos hábitos de saúde e medidas de prevención das patoloxías asociadas ao ril”.
Ademais, Miguel Fernández agradeceu ás traballadoras de Alcer Lugo o “importante labor que esta asociación realiza desde a súa constitución no ano 1981 no asesoramento desta enfermidade, na prestación de servizos cos que mellorar a calidade de vida dos doentes con esta patoloxía e na información á poboación en xeral”. O rexedor lucense aproveitou esta toma de contacto para amosarlle a Alcer o apoio e a colaboración do Concello, como ata o momento, e a intención de seguir compartindo sinerxías que redunden no benestar de toda a cidadanía, con futuros proxectos que dean maior visibilidade ás persoas que padecen unha enfermidade renal crónica, así como á figura do doante.



