
Auxilio a cidadáns
Ás 5.10 horas do luns, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno foi comisionado nunha vivenda do centro da cidade, onde os axentes colaboraron para que unha muller, de 91 anos de idade, puidese regresar á súa cama, xa que se caeu ao solo e a súa filla non era capaz de levantala.
Durante a mañá do sábado, a Sala do 092 recibe información dun viandante que escoita a unha persoa pedir auxilio nunha zona de hortas da cidade. Os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasládanse de inmediato ao lugar, comprobando a veracidade da chamada e accedendo á zona, situada na parte traseira dun edificio, a través da propia vivenda, achando o home, de 86 anos de idade, tendido no solo, cunha pequena ferida na cara e dor nas pernas, manifestando caer desde unha escaleira cando podaba unha parra. Foi evacuado por unha ambulancia, acompañado da súa filla.
Durante a tarde do domingo, os axentes de Policía de Barrio auxiliaron a unha persoa caída no seu domicilio, un home de 86 anos, ao que a súa esposa non era capaz de levantar despois de caer desde a cama.
Ás 9’10 horas do venres, a Sala do 092 recibiu información sobre un ciclista caído na Estrada Vella de Santiago, polo que despraza ao lugar unha dotación de Policía de Barrio. Os axentes localizaron ao ciclista consciente e sendo atendido por un viandante. O home manifestou sufrir unha indisposición cando circulaba polo lugar, polo que detivo a súa marcha ao carón e sentouse, momento no que sentiu un mareo e sufriu un desmaio. Se comisiona no lugar unha ambulancia, aínda que o home rexeita ser atendido e continúa a marcha polos seus medios.
Queixas por ruídos
Ás 3.00 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a unha vivenda da avenida da Coruña, desde onde se recibiron queixas pola música procedente dunha vivenda. Os axentes comprobaron que a música se percibía desde o rellano das escaleiras, así como as voces de varias persoas cantando, polo que se puxeron en contacto coa residente, cesando as molestias de inmediato.
Ás 4.00 horas do sábado, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno realizou un servizo similar ao anterior, esta vez nun domicilio da rúa Serra Gañidoira, onde se estaba celebrando unha festa, a cal cesou no momento no que os axentes contactaron cos implicados e advertíronlles das molestias que estaban a causar.
Ás 2.05 horas do domingo, os axentes prestaron un servizo similar na rúa Curros Enríquez, aínda que, nesta ocasión, os axentes víronse na obrigación de confeccionar acta denuncia por unha presunta infracción á Lei de Protección de Seguridade Cidadá xa que, a moradora do inmoble do que procedían as molestias, cando os axentes se ausentaban do lugar, lanzou restos de comida sobre o coche patrulla, mentres insultaba aos policías.
Pelexa en vía pública
Ás 7.15 horas do sábado, a Sala do 092 recibe información sobre unha pelexa entre tres persoas diante dun establecemento da rúa Milagrosa, polo que comisiona no lugar varios indicativos de Policía de Barrio. Os axentes localizan a un home que presenta feridas en ambas mans, o cal manifesta que foi expulsado do local e, como deixara no interior unha riñoneira con mil euros, tentou volver entrar golpeando a porta de acceso e causándose as feridas que presenta. A titular do establecemento di botalo do mesmo polo seu comportamento con ela mesma e co resto de clientes. Os policías tamén procederon á identificación dunha testemuña dos feitos. Se comisionó no lugar unha ambulancia, cuxa asistencia rexeitou o lesionado. As partes implicadas foron convidadas a trasladarse a dependencias policiais para formalizar denuncia polos feitos.
Cables soltos sobre vía pública
Ás 7.40 horas do mesmo sábado, a Sala do 092 recibe noticia dun poste caído sobre a calzada da rúa Santiago. Un indicativo de Policía de Barrio trasládase ao lugar e, pola urxencia da situación, xa que o poste e os cables que pendían do mesmo causaban un grave risco para a circulación, cos medios ao seu alcance nese momento, proceden á recollida do cable e a levantar o poste, apartándoo fora da zona de circulación, quedando libre para os vehículos. Foi advertido o servizo de mantemento.
Detención
Ás 4.50 horas do sábado, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un local da rúa San Roque, onde retiveran a un home que tentara subtraer algo. Os axentes acoden de inmediato ao lugar e comproban que se trata dun home que, aproveitando que o empregado se atopaba no fondo do establecemento, colocando mercadoría, ocultouse e tentou abrir a caixa rexistradora de moedas coa chave, tentándoo logo coa de billetes, causando danos na chave e na fechadura desta última. Os axentes tamén comprobaron que levaba ocultos entre a súa roupa tres queixos do propio establecemento. Por todo iso procederon á detención do individuo e o seu traslado a dependencias policiais, para a tramitación das dilixencias correspondentes.

