O Goberno Local reforza á Policia Local con seis novos vehículos patrulla

O contrato permitirá renovar e modernizar a flota municipal con vehículos máis eficientes e seguros.

Inclúe seis SUVs híbridos con etiqueta ECO e mantemento integral durante cinco anos.

“Non se trata só de renovar vehículos, senón de garantir que a Policía Local conte cos mellores medios para prestar un servizo de calidade”, destaca o alcalde, Miguel Fernández.

Mércores, 18 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno Local reforza á Policia Local con seis novos vehículos patrulla

O Concello de Lugo vén de aprobar na Xunta de Goberno Local o expediente de contratación para a subministración, mediante sistema de renting, de seis novos vehículos patrulla destinados á Policía Local, cun investimento total de 573.540 euros, nunha aposta clara pola modernización e eficiencia dos servizos públicos.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou que “este contrato supón un paso máis na mellora dos medios materiais da Policía Local, algo fundamental para que poidan desenvolver o seu traballo en condicións óptimas de seguridade e eficacia”, e incidiu en que “non se trata só de renovar vehículos, senón de garantir un servizo público á altura do que demanda a cidadanía”.

Neste sentido, Fernández puxo en valor o sistema de renting como unha fórmula que “permite optimizar os recursos municipais, evitando grandes investimentos iniciais e asegurando ao mesmo tempo un mantemento continuo e unha renovación planificada da flota”, o que redunda, segundo indicou, “nunha xestión máis sostible e eficiente”.

O contrato contempla a incorporación de seis vehículos tipo SUV, de cinco portas e nova matriculación, dotados de motorización gasolina-híbrida e etiqueta ambiental ECO, en liña co compromiso municipal coa mobilidade sostible. Cinco destes vehículos estarán equipados con kit de detidos, mentres que un sexto se destinará a outros usos operativos.

“Estamos a falar de vehículos máis versátiles, máis eficientes e mellor adaptados ao traballo diario da Policía Local, o que tamén contribúe a mellorar a súa capacidade de resposta no conxunto da cidade”, engadiu o rexedor.

A duración do contrato será de cinco anos, sen posibilidade de prórroga, e incluirá o mantemento integral dos vehículos durante todo ese período. O prazo máximo de entrega establécese en 90 días naturais desde a formalización do contrato.

En canto ao investimento, o contrato establece unha cota mensual diferenciada en función do equipamento dos vehículos, cunha planificación económica distribuída en varias anualidades ata o ano 2031, o que permite unha xestión equilibrada do gasto.

O procedemento de contratación será aberto e de tramitación ordinaria, estando ademais suxeito a regulación harmonizada.

Con esta actuación, o Concello de Lugo reforza a súa aposta por dotar á Policía Local de medios modernos e adecuados, mellorando a súa capacidade operativa e contribuíndo a ofrecer un servizo máis próximo, eficaz e adaptado ás necesidades actuais da cidadanía.

Noticias relacionadas