A actuación levarase a cabo o venres 20 de marzo en horario de mañá e implicará restricións puntuais de circulación no acceso desde a N-6.
Os traballos permitirán retirar terra e pedras desprendidas dun noiro, garantindo a seguridade viaria neste punto.

O Concello de Lugo executará o vindeiro venres, 20 de marzo, traballos de limpeza de terra e pedras desprendidas dun noiro no acceso desde a estrada Nacional VI cara á Volta da Viña, nas inmediacións do Balneario.
A intervención, coordinada pola Área de Transición Ecolóxica, responde á necesidade de retirar os materiais acumulados na zona tras desprendementos recentes, co obxectivo de garantir condicións adecuadas de seguridade tanto para a circulación como para as persoas usuarias da vía.
Os traballos desenvolveranse nun período estimado dunha hora, entre as 09:30 e as 10:30 horas, e requirirán a ocupación puntual da vía para a execución das tarefas con medios municipais.
Plan de tráfico
Para permitir o desenvolvemento da actuación será necesario restrinxir temporalmente o acceso desde a N-6 cara á rúa Santiago, no sentido de circulación en dirección A Coruña.
Durante o tempo de execución dos traballos:
- Cortarase o tránsito de vehículos no acceso afectado
- Establecerase sinalización de obra e restrición de paso
- Habilitarase un itinerario obrigatorio alternativo mediante desvío
En concreto, instalaranse sinais de perigo por obras, dirección prohibida e indicación de paso obrigatorio cara á esquerda no punto de acceso desde a Nacional VI.
O operativo incluirá tamén a delimitación da zona de traballo mediante valado e a instalación de sinalización visible en todos os accesos, co obxectivo de garantir a seguridade viaria durante a intervención.
Así mesmo, garantirase en todo momento o tránsito peonil e o acceso ás vivendas e espazos da contorna en condicións de seguridade.
No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan a execución dos traballos na data prevista, comunicarase con antelación unha nova data para o desenvolvemento da actuación.
Desde o Concello recoméndase ás persoas condutoras que extremen a precaución na zona e que sigan as indicacións da sinalización provisional e da Policía Local.

