Os técnicos municipais manteñen o plan de tráfico para a obra de Bispo Odoario ao ser menos lesivo que a proposta da nova plataforma veciñal

A proposta veciñal suporía introducir todo o tráfico por San Fernando, Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros e Santo Domingo, sacándoo por Rúa Teatro. “É dicir, polo medio das dúas obras, que axiña serán tres porque se empezará a actuación en Santo Domingo”.

A alternativa dos veciños “obrigaría a convivir a peóns, a maquinaria das obras e o tráfico do centro, incluídos os numerosos camións de descarga da Praza de Abastos”.

Unha vez finalizadas as obras de peonalización, a Alcaldesa anunciou que se procederá a mellorar a pavimentación da Rúa Nova, xa moi deteriorada.

A rexedora reitera que entende a molestia das actuacións, “pero non se poden retrasar porque poderíamos perder os fondos europeos e iso sería unha grave irresponsabilidade”.

Domingo, 07 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os técnicos municipais manteñen o plan de tráfico para a obra de Bispo Odoario ao ser menos lesivo que a proposta da nova plataforma veciñal

O Concello de Lugo fíxolle chegar á Plataforma de Veciños do Barrio Centro, que acaba de nacer, a resposta do equipo de técnicos municipais a súa proposta de plan de tráfico para as obras de peonalización da Rúa Montevideo, desde Praza Bispo Odoario ata Rúa Ramón y Cajal, que comezarán a vindeira semana.

Tal e como se comprometeu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na reunión mantida cos representantes da plataforma, os técnicos estudaron a alternativa que presentaron. Na súa resposta aclaran que é preferible manter o plan de tráfico do Concello ao ser menos lesivo “xa que a proposta veciñal suporía introducir practicamente todo o tráfico do centro por San Fernando, Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros e Santo Domingo, sacándoo por Rúa Teatro. É dicir, meteríase polo medio das dúas obras, que nun prazo breve de tempo serán tres porque se empezará a peonalización de Santo Domingo”. E aclaran, tal e como advertiron na xuntanza, que “terían que convivir peóns, a maquinaria das obras e o tráfico do centro, incluídos camións de descarga da Praza de Abastos”.

“Ademais -continúan- hai días de mercado na Praza con gran afluencia de tráfico e a confluencia na zona de Quiroga Ballesteros e Santo Domingo non vai funcionar correctamente”.

Por outra banda, consideran que todo o tráfico que a plataforma pretende desviar por Quiroga Ballesteros afectaría a pavimentación desta rúa, recentemente peonalizada e que está aínda en garantía. “A obra de Quiroga non está deseñada para soportar tanto tráfico, polo que a empresa adxudicataria non se responsabilizaría da repavimentación”, sosteñen.

Por iso, o Concello manterá o plan inicial de acceso á rúa Montevideo e Bolaño Rivadeneira e á zona amurallada pola porta da Rúa Nova, mantendo os accesos pola Rúa do Teatro e Praza de Santo Domingo. No caso da Rúa Nova, o pavimento actual está xa en mal estado, polo que a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez xa anunciou que se arranxará tras as obras.

Coa proposta do Concello, segundo os técnicos, “axiña que se abra ao tráfico Bispo Odoario até Ramón y Cajal (nun prazo estimado de 4 semanas), os únicos vehículos que pasarían por Rúa Nova serían os que vaian cara á Praza de Ferrol, xa que todo o tráfico de Santo Domingo seguirá accedendo por Rúa Teatro”.

A principios da próxima semana, procedarase tamén a sinalizar o corte do tráfico desde a porta Bispo Odoario ata o cruce coa rúa Ramón y Cajal (deixando acceso á entrada principal do IES Ollos Grandes e ao aparcamento por rúa Montevideo, que se converterá en bidireccional para entrada e saída do aparcamento, garaxes de residentes e reparto).

Cando se empece a obra de Santo Domingo farase outro plan de tráfico en función do grao de avance das dúas obras en marcha.

A rexedora trasladoulle á veciñanza na reunión mantida a pasada semana que entendía que as obras “sempre son molestas, e no centro histórico incluso máis pola súa configuración”, pero explicou que as actuacións non se podían retrasar porque “podemos perder preto de 10 millóns de euros de fondos europeos, o que sería unha enorme irresponsabilidade pola nosa parte tendo en conta que a peonalización suporá un maior coidado do patrimonio histórico que alberga o centro, incluída a súa muralla, porque se reduce a contaminación ambiental, acústica e de vibracións, pero tamén suporá unha mellora da saúde dos residentes ao rebaixar o tráfico e aumentar as zonas verdes, así como un impulso ao comercio e hostalería porque lugares que agora son de paso se converterán en espazos públicos máis confortables para a estancia”.

Noticias relacionadas