As intervencións permitirán acondicionar preto de 6.700 metros cadrados de vías municipais en diferentes núcleos do termo municipal.
Os traballos realízanse mediante tratamento asfáltico de triple capa, executado con medios propios pola brigada rural do Concello.
“Seguimos actuando no rural con intervencións que melloran o día a día da veciñanza e reforzan a seguridade das nosas vías”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández.

O Concello de Lugo continúa desenvolvendo actuacións de mellora da rede viaria no medio rural mediante traballos de asfaltado executados con medios propios a través da brigada municipal. As intervencións permitirán acondicionar preto de 6.700 metros cadrados de vías municipais, cun investimento estimado de 96.840 euros, mediante a aplicación dun tratamento asfáltico de triple capa en distintos núcleos de varias parroquias do municipio.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou hoxe os traballos que se están a executar no núcleo de Gude, na parroquia de Romeán, onde actualmente se está a aplicar este tratamento sobre unha superficie aproximada de 1.400 metros cadrados. “Estas actuacións permiten manter en boas condicións as nosas vías municipais e atender as necesidades que nos traslada a veciñanza do rural, garantindo accesos máis seguros e cómodos no día a día”, destacou o rexedor durante a visita.
Os traballos execútanse a través da brigada rural do Concello, integrada por cinco operarios, que empregan medios propios como camión gravillador, camión bituminoso, compactador e dumper, o que permite desenvolver estas actuacións de maneira progresiva nas diferentes parroquias en función das necesidades detectadas.
A intervención xa foi completada recentemente no núcleo de Bosende, cunha actuación sobre 570 metros cadrados, mentres que nas vindeiras semanas continuarán os traballos segundo vaia avanzando a planificación da brigada municipal.
Entre as actuacións previstas inclúense tamén melloras viarias en Santa Marta de Fixós, Vilachá de Mera (núcleo de Liñar), Bazar (núcleo de Tuixe), Urbanización As Neboas, na parroquia de Piugos, Corvelle, en Coeo, e Fontao, na parroquia de Esperante, onde se executará unha nova pista.
Ademais, realizaranse intervencións na parroquia de Calde e na parroquia de Benade, completando así unha nova fase de melloras na rede viaria do rural lucense.
Estas actuacións enmárcanse na liña de traballo do Goberno local orientada a manter en bo estado a rede de vías municipais e garantir condicións adecuadas de mobilidade nas parroquias, reforzando o compromiso do Concello cun rural activo, ben comunicado e con servizos de calidade.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre as melloras viarias en distintas parroquias do rural | Descargar mp3


