O Goberno Local recibe o informe sobre o PXOM que será estudado polos técnicos municipais

Venres, 13 de novembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo recibiu a última hora desta mañá da Xunta de Galicia o informe sobre o PXOM que será trasladado aos técnicos para que fagan as estimacións oportunas.

A Xunta de Galicia remitiu o documento e o Concello de Lugo trasladoullo de inmediato aos técnicos municipais e ao equipo redactor co obxectivo de estudar as observacións recollidas no mesmo.

O Concello de Lugo, así mesmo, tentará manter unha xuntanza co departamento autonómico co fin de coñecer polo miúdo todas as observacións recollidas no documento e aclarar a súa fundamentación.

Desde o Concello de Lugo non se fará unha valoración do informe ata poder estudalo en profundidade, aínda que o Goberno Local manifesta a súa vontade de acadar unha solución co obxectivo de poñer fin a un proceso que comezou en abril deste ano e que permitirá facer unha xestión urbanística adaptada á realidade actual.

O informe entregado pola Xunta ao Concello de Lugo segue o mesmo procedemento e tratamento que o doutras cidades que se atopan na mesma situación como Vigo ou Santiago.

Noticias relacionadas