O Concello abre unha nova convocatoria para o alugueiro de 3 vivendas da Casa Domótica a persoas con mobilidade reducida

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a apertura do proceso de contratación. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no BOP

Aprobada a delegación de competencias no Concelleiro de Educación para a adxudicar os contratos do servizo de actividades extraescolares e de comedor co fin de axilizar o procedemento

Mércores, 16 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello abre unha nova convocatoria para o alugueiro de 3 vivendas da Casa Domótica a persoas con mobilidade reducida

A Xunta de Goberno aprobou este mércores abrir unha nova convocatoria para solicitar o alugueiro de tres vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida na Casa Domótica coa que conta o Concello na rúa Leiras Pulpeiro da cidade. Segundo informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, o Executivo deu luz verde hoxe aos pregos de prescripcións técnicas e cláusulas administrativas particulares, e á apertura do procedemento de contratación do alugamento das tres vivendas, situadas nos andares un, dous e cinco do devandito edificio. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), anuncio que tamén será colgado no Perfil do Contratante do Concello, na web www.lugo.gal

O Concello promoveu a construcción da Casa Domótica co fin de promover o acceso a unha vivenda adaptada por parte das persoas con discapacidade física e mobilidade reducida permanente. Este edificio sito na Rúa Leiras Pulpeiro número 7 conta con cinco vivendas, catro das cales se poñen en alugueiro, mentres que a quinta resérvase para que os Servizos Sociais poidan atender situacións de emerxencia. Os contratos de tres das vivendas en alugueiro venceron, polo que se sacan de novo agora a contratación.

Cada un dos pisos, cunha praza de garaxe adaptada, ten unha superficie total de 88,70 metros cadrados, que se distribúen en dúas habitacións, unha das cales ten capacidade para dúas persoas en cama dobre de 1,50 metros e para mobiliario alternativo, amplo corredor adaptado para facilitar o xiro das persoas con mobilidade reducida, tendedeiro adaptado e cociña con mobiliario móbil patentado e adaptado a diversas discapacidades, así como cuarto de baño adaptado

Os prezos de aluguer oscilarán entre os 159,46 euros e 207,29 euros mensuais, renda que se fixará en función dos ingresos ponderados anuais totais da unidade familiar ou de convivencia acreditados no proceso de adxudicación. As vivendas alugaranse por un período de catro anos, con opción de prórroga por un máis.

Os requisitos para poder acceder a unha destas vivendas adaptadas é ser maior de idade e menor de 60 anos, ter plena capacidade de obrar e ter unha discapacidade física do 33% ou máis, ser pensionista da seguridade social cunha pensión de incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, e sempre con mobilidade reducida. Será necesario residir no concello de Lugo e acreditar a necesidade dunha vivenda. Os baremos que se terán en conta para a adxudicación están baseados nas circunstancias persoais e familiares, situación económica, grao de discapacidade, así como as condicións de habitabilidade da vivenda na que residan os solicitantes, tal e como explicou o voceiro municipal.

Servizo de comedor

A Xunta de Goberno tamén acordou a delegación de competencias no Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, para a adxudicación dos contratos de prestación de actividades extraescolares e de comedor escolar, así como a declaración de urxencia da tramitación do devandito expediente, co fin de “axilizar os trámites e chegar en tempo e forma ao inicio do curso escolar”, asegurou o voceiro municipal. Na actualidade, estanse a celebrar as mesas de contratación de valoración das ofertas presentadas.

Nova licenza no polígono das Gándaras

Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou así mesmo conceder unha licenza urbanística para a construción dunha nave no polígono industrial das Gándaras dedicada a almacén de materiais de construción. O orzamento é de 223.700 euros e o prazo de execución de 24 meses.

Traspaso de dous postos da Praza de Abastos

Por outra banda, tamén quedou aprobado o traspaso dos postos 32 e 33 da Praza de Abastos, que asumen novos titulares para dedicalos a carnicería. O canon mensual é de 151,57€ e o período da concesión finalizará en xaneiro do ano 2030.

Noticias relacionadas