O Concello de Lugo reivindicará un Lugo verde e sostible cunha plantación no Paseo do Rato para conmemorar o Día da Árbore

O alcalde presentou este acto “que é moito máis cunha data: é unha reivindicación para reclamar o coidado dos nosos recursos naturais e para concienciar ás futuras xeracións”.

A Federación de Veciños Lucus Augusti organiza a plantación de árbores, na que tamén colabora a Deputación de Lugo. Terá lugar este sábado, ás 12.00, no paseo do Rato.

A área municipal de Medio Ambiente repartirá 250 plantas de romeu, perexil e lavanda, mentres que a institución provincial levará outros tantos castiñeiros, nogueiras e acivros e cederá o terreo.

Martes, 10 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo reivindicará un Lugo verde e sostible cunha plantación no Paseo do Rato para conmemorar o Día da Árbore

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentou esta mañá a plantación de árbores que se levará a cabo este sábado, día 14, nas beiras do Paseo do Rato, co que conmemorar o Día da Árbore ou Día Internacional dos Bosques, data que se celebra cada 21 de marzo. O rexedor municipal sinalou que “é moito máis cunha data de conmemoración: é unha reivindicación para reclamar o coidado dos nosos recursos naturais e tamén para concienciar ás futuras xeracións”. Así o explicou durante o transcurso da presentación desta actividade, unha rolda de prensa na que estivo acompañado polo Deputado de Medio Ambiente na Deputación de Lugo, Carlos López, e polo presidente da Federación de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, que representan á institución e á entidade que apoian e colaboran nesta actividade, coa que buscamos “reivindicar a mellora e a conservación dun Lugo verde e sostible”, sinalou o alcalde.

Respecto á conmemoración desta data, que celébrase en todo o mundo o vindeiro 21 de marzo, Miguel Fernández explicou que “as parroquias do noso municipio son exemplo perfecto dun Lugo no que conviven en harmonía o rural e o urbano, conceptos que definen o noso modelo de cidade, clave para favorecer a nosa calidade de vida”. Neste sentido, falou das accións do Goberno Local “para o coidado do noso medio ambiente, que están a ser claves para contribuír á conservación dos nosos recursos naturais. Por exemplo, na xestión de residuos, coa introducción do contedor marrón para a reciclaxe de materias orgánicas; coa posta en marcha da zona de baixas emisións no centro; e coa aposta decidida por un Lugo verde, sostible, máis amable e pensado para todas as persoas”. Tamén en relación ao labor do Concello de Lugo, o alcalde fixo fincapé en que “como institución temos que apostar por esa economía verde e circular e polas enerxías limpas e sostibles, pero tamén por educar e concienciar sobre estes aspectos”.

Por último, agradeceu a implicación e o compromiso da Federación de Veciños Lucus Augusti e das Deputación de Lugo para levar a cabo esta plantación, que terá lugar este sábado, día 14 ao carón do centro de cestería, no Paseo do Rato. A área municipal de Medio Ambiente aportará 250 plantas de romeu, perexil e lavanda, que se repartirán entre os asistentes ao acto, mentres que a institución provincial levará outros tantos castiñeiros, nogueiras e acivros e cederá o terreo para realizar dita plantación. Ademais, plantaranse 25 acivros de maior tamaño.

Pola súa banda, o Deputado de Medio Ambiente da Deputación, Carlos López, felicitou á Federación de Veciños por organizar un ano máis o Día da Árbore, “unha iniciativa que leva máis de 30 anos celebrándose e que é un exemplo do compromiso da veciñanza co medio ambiente e co patrimonio natural de Lugo”, subliñou.

Ademais, sinalou que “desde a Deputación temos unha liña de acción moi importante centrada no coidado do medio ambiente e na posta en valor dos recursos naturais da provincia, así como para promover a educación ambiental”. Por iso, a institución apoia este tipo de iniciativas coa que nesta ocasión, a institución provincial “cederá o terreo para a plantación de 25 acivros e achegará 250 árbores de pequeno tamaño de especies autóctonas”, sumándose así á conmemoración do Día Mundial da Árbore.

Desde a Federación de Veciños Lucus Augusti, o seu presidente Jesús Vázquez chamou a atención sobre a importancia de realizar este tipo de actividades para concienciar da necesidade de coidar e conservar os recursos naturais, ao tempo que fixo un chamamento á participación de toda a cidadanía e a presumir dun Lugo con tantas zonas verdes.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a presentación do Día da Árbore | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo reivindicará un Lugo verde e sostible cunha plantación no Paseo do Rato para conmemorar o Día da Árbore
  • O Concello de Lugo reivindicará un Lugo verde e sostible cunha plantación no Paseo do Rato para conmemorar o Día da Árbore
  • O Concello de Lugo reivindicará un Lugo verde e sostible cunha plantación no Paseo do Rato para conmemorar o Día da Árbore

Noticias relacionadas