A demolición da edificación permite recuperar para a vía un espazo que dificultaba a circulación de vehículos e peóns na confluencia de López Guntín, Camiño Verde e Dona Urraca. A alcaldesa explicou que "para nós ten moito significado, primeiro porque executamos unha cuestión da que tanto se falou e pouco se fixo, e en segundo lugar, porque cumprimos os compromisos que asumimos".
Xoves, 20 de agosto de 2026
Fonte:
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo eliminou o tapón urbanístico de Dona Urraca, coa demolición da edificación situada na confluencia da rúa López Guntín, Camiño Verde e rúa Dona Urraca, recuperando así para a vía un espazo que durante anos dificultou a circulación nesta zona.
Trátase dunha edificación deshabitada de 91,27 metros cadrados, formada por unha vivenda e un galpón anexo, que estreitaba a calzada e dificultaba o paso tanto de vehículos como de peóns.
A actuación foi executada mediante execución subsidiaria da orde de demolición, tras a tramitación dun expediente de ruína no que se concluíu a necesidade da demolición total da edificación debido "ao agotamento xeneralizado dos seus elementos estruturais".
A actuación afecta á parcela situada dentro do polígono de actuación 10.1 do PXOM de Lugo e permite recuperar o espazo necesario para a vía, mellorando as condicións de circulación e seguridade para vehículos e peóns.
O Goberno municipal destaca que se trata dun dos tapóns urbanísticos históricos da cidade, unha actuación pendente desde hai anos e que fóra anunciada en distintas ocasións sen chegar a executarse. A alcaldesa de Lugo explicaba que esta intervención "para nós ten moito significado, primeiro porque executamos unha cuestión da que tanto se falou e pouco se fixo, e en segundo lugar, porque cumprimos os compromisos que asumimos".
O Concello continuará avanzando nesta liña e ten agora previsto abordar a supresión tapón urbanístico situado no Camiño de Pipín, xunto ao CEIP Cervantes "xa se fixo o encargo a Evislusa para iniciar o proceso de expropiación, e se iniciaron contactos cos propietarios" aclarou a rexedora.


