
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a construción do novo centro de saúde e doutros equipamentos públicos no barrio do Sagrado Corazón.
Con este acordo dáse cumprimento ao compromiso anunciado pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, o pasado luns, cando avanzou que o Goberno municipal impulsaría de maneira inmediata este trámite para desbloquear este proxecto.
A aprobación definitiva do expediente permitirá ao Concello dispoñer dos terreos necesarios para poñelos a disposición da Xunta de Galicia e facilitar así o impulso para que se constrúa un novo centro de saúde para o barrio.
A actuación responde á vontade do Goberno municipal de axilizar os procedementos administrativos para que proxectos prioritarios para a cidade avancen con feitos e non queden unicamente en anuncios.
O novo centro de saúde constitúe unha das principais demandas do barrio e permitirá mellorar a atención sanitaria dunha ampla zona da cidade, ao tempo que abrirá a porta ao desenvolvemento doutros equipamentos públicos previstos neste ámbito.
A Xunta de Goberno Local tamén aceptou unha subvención de máis de 300.000 euros para ampliar a rede de calor con biomasa e dar servizo ao Centro de Convivencia da Milagrosa
O Concello disponía de cinco días hábiles para formalizar a aceptación da axuda concedida dentro do programa RENORED2, motivo polo que foi necesario convocar a sesión extraordinaria
Estamos a falar dunha achega que correspondente á segunda convocatoria do programa de incentivos a proxectos de redes de calor e frío que empregan fontes de enerxía renovable, financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A resolución da concesión da axuda, de máis de 300.000 euros, foi notificada ao Concello o pasado 19 de xuño e se daba un prazo de cinco días hábiles para formalizar a súa aceptación, circunstancia que motivou a convocatoria desta Xunta de Goberno Local extraordinaria co fin de non perder este financiamento europeo.
A actuación permitirá ampliar a actual rede de calor con biomasa do Parque da Milagrosa e incorporar este sistema ao Centro de Convivencia da Milagrosa, incrementando ademais a potencia da caldeira existente para dar servizo as instalacións municipais nas que está xa funcionando como son: a Piscina Municipal de Frigsa, a Casa das Asociacións, a Casa Clara Campoamor, o Centro de Convivencia da Milagrosa, o Pavillón e o Campo de Fútbol Luís Gorgoso, o Club de Tenis de Mesa, o MIHL, o Auditorio Municipal Gustavo Freire e a Biblioteca Municipal.

