O Concello recibe da Xunta o proxecto da mellora en Serra de Meira e procederá a informalo para axilizar o máximo posible o inicio da obra

O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, asegurou que coa recepción do proxecto “queda patente quen dicía a verdade e quen estaba desinformando deliberadamente á veciñanza sobre por que non se executaba esta obra”.

O informe e avaliación do documento polos departamentos municipais, entre eles Urbanismo e Infraestruturas, constitúe unha condición sine qua non dentro do procedemento administrativo previo á sinatura do convenio.

O Goberno local grantiza que toda a tramitación se realizará coa máxima dilixencia para evitar máis demoras nunha actuación considerada prioritaria para a cidade.

Venres, 06 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello recibe da Xunta o proxecto da mellora en  Serra de Meira e procederá a informalo para axilizar o máximo posible o inicio da obra

O Concello de Lugo recibiu finalmente o proxecto correspondente á mellora da rúa Serra de Meira, despois do atraso acumulado na súa remisión por parte da Xunta de Galicia. A chegada deste documento permite iniciar agora o proceso de análise técnica por parte dos distintos servizos municipais, un trámite imprescindible para poder avanzar na formalización do convenio entre ambas administracións.

Desde o Goberno local explícase que o informe e avaliación do proxecto polos departamentos municipais, entre eles Urbanismo e Infraestruturas, constitúe unha condición sine qua non dentro do procedemento administrativo previo á sinatura do convenio. Neste sentido, o Concello garantiza que toda a tramitación se realizará coa máxima dilixencia para evitar máis demoras nunha actuación considerada prioritaria para a cidade.

O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, asegurou que coa recepción do proxecto “queda patente quen dicía a verdade e quen estaba desinformando deliberadamente á veciñanza sobre por que non se executaba esta obra”. Segundo indicou, “durante meses o delegado territorial da Xunta e o grupo municipal do Partido Popular difundiron bulos asegurando que o atraso era responsabilidade do Concello, cando sabían perfectamente que o documento imprescindible para iniciar a tramitación nin sequera fora remitido”.

Bustos sinalou que “a realidade é teimuda e agora queda claro que o Concello non podía avanzar nin un só paso sen dispoñer do proxecto técnico, porque é unha condición administrativa básica para poder informar o convenio e continuar o procedemento”. Neste sentido, criticou “a utilización partidista dunha infraestrutura necesaria para a veciñanza, intentando trasladar unha responsabilidade que non correspondía á administración local”.

O edil destacou ademais que foi o alcalde Miguel Fernández quen conseguiu desbloquear a situación política existente tras a reunión mantida coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas o pasado 14 de outubro, encontro no que quedou fixado o compromiso de que a administración autonómica asumiría o 100 % do custo da obra. Segundo explicou, ese acordo non se viu posteriormente reflectido no texto do convenio remitido inicialmente ao Concello, o que obrigou a reclamar a súa corrección para garantir que se respectasen os termos pactados.

O Executivo municipal insiste en que o deterioro progresivo da rúa Serra de Meira, unido á intensidade do tráfico e ás condicións meteorolóxicas, continúa xerando problemas de seguridade e mobilidade para a veciñanza. Por este motivo, o Concello considera prioritario que a Xunta execute canto antes a actuación comprometida e abandone unha actitude que, ao seu xuízo, está freando o desenvolvemento dunha infraestrutura clave para a cidade. Así, unha vez completada a análise técnica do proxecto, activaranse de inmediato os trámites administrativos necesarios para avanzar na sinatura do convenio e facilitar que as obras poidan iniciarse o antes posible.

Noticias relacionadas