Rubén Arroxo e Alexandre Penas comproban o avance das obras de renovación do Carril das Flores

Os traballos continúan co derrubamento do túnel e o inicio da montaxe da estrutura que dará forma á nova plataforma.

Arroxo: “Avanzamos nun proxecto que eliminará un dos puntos de maior deterioro urbano da cidade, creando unha contorna máis amable, accesible e integrada co Camiño Primitivo e coa Muralla”.

Martes, 03 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Alexandre Penas comproban o avance das obras de renovación do Carril das Flores

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado do edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou esta mañá o Carril das Flores para comprobar o avance das obras de renovación integral, que entran nunha nova fase coa demolición do túnel existente e o inicio da colocación da estrutura da nova plataforma.

Nos primeiros traballos de retirada, procedeuse ao derrubamento do túnel, unha actuación clave para transformar por completo este espazo e permitir a construción dunha nova pasarela metálica lixeira que mellorará a visibilidade do muro orixinal e ampliará o ancho do paso inferior.

“Avanzamos nun proxecto que eliminará un dos puntos de maior deterioro urbano da cidade, creando unha contorna máis amable, accesible e integrada co Camiño Primitivo e coa Muralla”, sinalou Arroxo, quen destacou que o inicio da colocación da nova estrutura marca un fito importante dentro da actuación.

A intervención permitirá converter o Carril das Flores nunha plataforma única, con prioridade peonil, novos espazos verdes e zonas de convivencia, ademais da renovación integral dos servizos urbanos, alumeado e drenaxe.

Con esta actuación, a Tenencia de Alcaldía continúa avanzando na creación do gran eixo peonil leste-oeste da cidade, reforzando a conexión entre barrios e apostando por un modelo de cidade máis sostible e pensado para as persoas.

Audio

  • O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre o Carril das Flores | Descargar mp3

Noticias relacionadas