O Concello de Lugo pon en marcha un plan de renovación e reparación de marquesinas de autobuses

Martes, 18 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo pon en marcha un plan de renovación e reparación de marquesinas de autobuses
O Concello de Lugo a través da área de mobilidade e obras está a poñer en marcha un plan de renovación e mellora das paradas do transporte urbano, que contempla unha primeira fase a instalación de sete novas marquesiñas en diferentes puntos do municipio, así como a reparación e reposición doutras que presentan danos ou un notable deterioro.
 
Os traballos xa están en marcha e dúas das novas marquesiñas, situadas na avenida de Magoi e na avenida Fábrica da Luz, xa foron colocadas. Ambas están pendentes dos últimos traballos de montaxe, como a instalación das cristaleiras e do pavimento, para completar a actuación.
 
O obxectivo é mellorar as condicións nas que a cidadanía agarda polo autobús urbano, ofrecendo maior protección fronte á choiva, o vento ou o sol e facilitando unhas condicións máis adecuadas para as persoas usuarias do servizo.
 
A marquesina de Magoi converteuse nun exemplo visible da falta de xestión do anterior goberno local xa que permitiron que durante máis de ano e medio estivese inutilizada. O concelleiro de mobilidade explicaba que “permaneceu durante longo tempo danada tras sufrir un accidente de circulación e, posteriormente, foi retirada, polo que a parada quedou sen este elemento de protección para as persoas usuarias”.
 
O concelleiro de mobilidade e obras, Antonio Ameijide, destaca que a mellora dos servizos públicos tamén pasa por atender e resolver as cuestións do día a día.
“A xestión municipal tamén consiste en atender estas cuestións básicas. Esta marquesiña estivo durante moito tempo danada, posteriormente foi retirada e o problema quedou sen resolver. Queremos que as persoas que utilizan o transporte urbano conten con paradas en condicións adecuadas e imos avanzar progresivamente nesa mellora”, sinalan desde o Goberno local.
 
Sete novas marquesiñas

As novas marquesiñas están previstas inicialmente nas seguintes localizacións:
  • N-640, en dirección á cidade.
  • Rúa Castelao, á altura do número 53.
  • Avenida Paulo Fabio Máximo, á altura do número 48.
  • Avenida Infanta Elena, á altura da rotonda en dirección á cidade.
  • Rúa Montero Ríos, fronte ao número 83.
  • Avenida de Magoi, á altura do número 92, fronte ao Gadis.
  • Avenida Fábrica da Luz.
Nas vindeiras semanas está previsto continuar coa instalación das restantes marquesiñas e coa reparación e reposición das que se atopan danadas, dentro dunha planificación que se estenderá progresivamente a outros puntos do municipio.
 
Con estas actuacións, o Concello busca mellorar as condicións de espera das persoas usuarias do transporte urbano, ao tempo que favorece o uso do autobús público e unha mobilidade máis sostible na cidade.
 
Audio
  • Antonio Ameijide, sobre o plan de renovación e reparación  de marquesinas de autobuses | Descargar mp3
 

Multimedia

  • O Concello de Lugo pon en marcha un plan de renovación e reparación de marquesinas de autobuses

Noticias relacionadas