Na xornada de hoxe, o Tenente de Alcalde mantén un encontro coa veciñanza no Centro de Convivencia de Fingoi.
Arroxo: “Queremos consolidar o crecemento do bus urbano e adaptalo á realidade actual e futura da cidade”.

A Tenencia de Alcaldía continúa co proceso participativo aberto para definir o novo modelo de transporte público da cidade, nun momento no que o bus urbano vén de superar por primeira vez no ano 2025 a cifra de 10.000 persoas usuarias nun só día. “O obxectivo é consolidar esta cifra de maneira habitual e seguir incrementando o uso do transporte público en Lugo”, sinalou Rubén Arroxo.
O novo contrato do servizo contemplará a posibilidade de ampliar a quilometraxe no futuro, tendo en conta que a cidade seguirá medrando nos vindeiros anos. Segundo explicou Arroxo, esta previsión permitirá adaptar as liñas ás novas zonas residenciais que se poidan desenvolver e garantir que o bus chegue ás futuras vivendas.
Entre as prioridades marcadas pola Tenencia de Alcaldía están mellorar as conexións cos barrios, facilitar transbordos máis sinxelos, garantir unha frecuencia mínima de 30 minutos en todas as liñas e reducir os tempos de espera nos eixos principais da cidade, onde actualmente a frecuencia é de 12 minutos.
Neste contexto, o Centro de Convivencia de Fingoi acolleu esta tarde unha nova xuntanza veciñal dentro da rolda de encontros que se están a celebrar nos distintos barrios para recoller propostas e suxestións da cidadanía. Ademais das reunións presenciais, a veciñanza pode facer chegar as súas propostas a través do correo electrónico mobilidade@lugo.gal, que permanecerá aberto ata o 15 de marzo.
“Seguiremos a reunirnos coa veciñanza para escoitar as súas achegas e construír entre todas e todos un modelo de transporte público adaptado á realidade de Lugo”, concluíu Arroxo.
Audio
- O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, sobre as xuntanzas para o bus urbano | Descargar mp3




