A Xunta de Goberno Local dará luz verde á construción dun edificio residencial con 16 vivendas na Ronda de Fingoi, cun investimento superior aos 1,7 millóns de euros.
Tamén se autorizará a construción dunha nave industrial no Parque Empresarial das Gándaras, cun investimento de máis de 300.000 euros.
“Estas actuacións reflicten que Lugo segue avanzando con novos proxectos residenciais e empresariais que xeran actividade económica e contribúen ao desenvolvemento equilibrado da cidade”, afirma o alcalde, Miguel Fernández.
- Tema
O Concello de Lugo autorizará na próxima sesión da Xunta de Goberno Local dúas novas licenzas urbanísticas que suporán un investimento privado conxunto superior aos 2 millóns de euros. As actuacións corresponden á construción dun edificio residencial na Ronda de Fingoi e á implantación dunha nave industrial no Parque Empresarial das Gándaras.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliña que “o dinamismo urbanístico é un indicador importante da evolución da cidade e tamén da confianza no seu desenvolvemento. Cada nova licenza que se concede supón investimento, actividade económica e oportunidades de emprego, ao tempo que contribúe a seguir ampliando a oferta residencial e empresarial do municipio”.
A primeira das actuacións corresponderá á construción dun edificio residencial na Ronda de Fingoi número 140, promovido pola empresa Rodhnox Inversiones S.L. O proxecto contempla a edificación dun inmoble con 16 vivendas, 16 trasteiros e 32 prazas de aparcamento, distribuído en dúas plantas de soto destinadas a garaxe e trasteiros, planta baixa, catro plantas altas e planta baixo cuberta.
A edificabilidade total do proxecto ascenderá a2.579,50 metros cadrados, sobre unha parcela de 2.585 metros cadrados, cunha altura prevista de 15,28 metros, por debaixo da altura máxima permitida polo Plan Xeral de Ordenación Municipal para esta zona da cidade.
O presuposto de execución material das obras ascenderá a 1.757.015,27 euros, cun prazo máximo de execución estimado de 36 meses. A licenza incorpora ademais unha liquidación tributaria municipal superior aos 70.000 euros, correspondente ás taxas urbanísticas e ao Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local autorizará tamén a construción dunhanave industrial no Parque Empresarial das Gándaras, promovida pola empresa Tecgal Enerxías S.L., vinculada ao sector dos servizos enerxéticos.
A actuación contemplará unha nave cunha superficie de 921,82 metros cadrados construídos e 876,50 metros cadrados útiles, destinada a almacenamento e zona administrativa, e contará ademais con cinco prazas de aparcamento vinculadas á actividade.
O investimento previsto neste proxecto ascenderá a 303.790,47 euros, cun prazo máximo de execución de 18 meses. Neste caso, a liquidación tributaria municipal asociada á licenza supera os 12.000 euros entre taxas urbanísticas e ICIO.
Con estas novas autorizacións, o Concello continúa impulsando a execución de proxectos residenciais e empresariais que contribúen ao crecemento económico, á creación de emprego e ao desenvolvemento urbanístico da cidade.

