A intervención permitirá actuar sobre unha incidencia na rede municipal de saneamento e na calzada desta vía.
Os traballos obrigarán a establecer un corte temporal de tráfico con sinalización específica e limitacións de velocidade na contorna.
“En canto o caudal do río permitiu traballar con garantías activamos a intervención para resolver unha incidencia nunha infraestrutura esencial da cidade”, sinala a voceira municipal, Ana González Abelleira.
- Tema
O Concello de Lugo iniciará esta semana os traballos previstos para reparar o colector de saneamento situado na Rúa Catón, unha actuación necesaria para intervir sobre a avaría detectada neste punto da rede municipal e que tamén provocou afeccións na propia calzada. A intervención poderá executarse agora que o descenso do caudal do Río Rato permite traballar con seguridade no punto exacto da incidencia.
A voceira municipal, Ana González Abelleira, explicou que se trata dunha actuación que estaba planificada desde hai semanas e que dependía de que se desen as condicións adecuadas para poder acceder á zona e executar os traballos con garantías técnicas. “Estamos ante unha infraestrutura básica do sistema de saneamento da cidade e, cando aparece unha incidencia deste tipo, o importante é actuar con rigor técnico e no momento no que as condicións permiten facelo con seguridade”, indicou.
A intervención permitirá reparar o tramo do colector danado na Rúa Catón e actuar tamén sobre a afección detectada no firme da vía, onde se rexistran danos derivados da avaría. Segundo sinalou a concelleira, esta actuación responde ao traballo de seguimento e mantemento permanente que se realiza sobre a rede municipal. “O saneamento é un servizo fundamental para o funcionamento da cidade e require unha atención constante. O noso compromiso é actuar con responsabilidade, planificando cada intervención e garantindo que se execute nas mellores condicións posibles”, afirmou González Abelleira.
Plan de tráfico
Para poder levar a cabo os traballos será necesario establecer un corte completo ao tráfico rodado na Rúa Catón, aproximadamente a uns vinte metros da intersección coa Rúa da Ponte, durante o período previsto para a intervención, entre o martes 10 e o venres 13 de marzo.
Co obxectivo de garantir a seguridade viaria e ordenar a circulación na contorna, habilitarase un dispositivo específico de regulación do tráfico. Así, na intersección da Rúa Virxe da Soidade coa Rúa do Peto instalarase sinalización de prohibido o paso agás residentes, xunto coa indicación de calzada sen saída, para evitar a entrada de vehículos que non teñan destino na zona.
Ademais, en todos os accesos a esta intersección colocaranse sinais de perigo por obras e de limitación de velocidade a 20 quilómetros por hora, co obxectivo de reforzar a seguridade na contorna da actuación e reducir a velocidade dos vehículos que circulen polas vías próximas.
Nas saídas das vivendas situadas nos tramos intermedios da Rúa Catón reforzarase tamén a sinalización de dirección prohibida, evitando accesos indebidos ao ámbito da obra. Do mesmo xeito, na zona concreta ocupada polos traballos e na intersección coa Rúa Casas Vellas instalaranse sinais de dirección prohibida, precedidas igualmente polos correspondentes avisos de obras e limitación de velocidade.
O operativo contempla tamén a delimitación completa da zona de traballo mediante valado continuo, garantindo a visibilidade da obra e a seguridade tanto para os operarios como para os usuarios da vía. No caso de que os traballos se prolonguen en horario nocturno, instalaranse balizas luminosas para sinalizar correctamente o perímetro da actuación.
A planificación da obra establece igualmente que se garantirá en todo momento o tránsito peonil, así como o acceso ás vivendas, garaxes e propiedades situadas na contorna da intervención, habilitando os espazos necesarios para que os desprazamentos se poidan realizar con normalidade e seguridade.
A voceira destacou que esta actuación forma parte da liña de traballo do Goberno local para asegurar o bo estado das infraestruturas básicas da cidade. “Falamos de redes que están baixo terra e que moitas veces pasan desapercibidas, pero que son fundamentais para o funcionamento diario de Lugo. Por iso é tan importante realizar un seguimento continuo e actuar con rapidez cando se detecta unha incidencia”, explicou.
González Abelleira subliñou tamén que o Concello continuará desenvolvendo este tipo de actuacións para garantir o correcto funcionamento das infraestruturas municipais. “O noso obxectivo é manter unha cidade ben xestionada, con servizos públicos que funcionen e cunha planificación seria das intervencións que se realizan no espazo público”, concluíu.
Audio
- A voceira municipal, Ana González Abelleira, sobre a reparación do colector de saneamento da Rúa Catón | Descargar mp3

