A medida obedece á vontade da alcaldesa de facilitar a mobilidade peonil e de mellorar a estética do conxunto da cidade.
A creación de futuras zonas de baixas emisións na capital e o incremento das zonas restrinxidas ao tráfico rodado obriga a repensar a funcionalidade do anterior sistema.

As máquinas do sistema Ora teñen os días contados. A alcaldesa, Lara Méndez, vén de dar orde para proceder á súa retirada.
Cando só resta unha peza separada, de tipo penal, para concluír definitivamente todo o proceso legal que afectou á licitación deste servizo, a rexedora lucense iniciou o procedemento para sacar das rúas estes parquímetros, actualmente en desuso.
Unha decisión que, segundo Lara Méndez, “obedece á necesidade de seguir avanzando na eliminación de barreiras que dificulten a mobilidade peonil e de mellorar a estética do conxunto da cidade ao tempo que se evita un foco de confusión para visitantes que descoñecen que, actualmente, estas máquinas non se atopan operativas”.
A este respecto, a alcaldesa incidiu en que a actuación concorda “cos cambios da mobilidade urbana que está a experimentar Lugo, dentro da transformación do municipio que iniciamos xa no anterior mandando, baixo parámetros de sostibilidade. Onde ao tempo que incrementamos os espazos restrinxidos ao tráfico rodado e proxectamos zonas de baixas emisións, procuramos disuadir máis do uso do vehículo particular fronte ao transporte colectivo e fomentamos a utilización doutros medios como a bicicleta, para o que nos estamos dotando dunha senda ciclista de máis de 14 quilómetros de lonxitude e habilitando máis e mellores estacionamentos nos diferentes barrios da capital, todos eles, totalmente gratuítos”, subliñou Méndez.
En total, quitaranse ao redor de 60 postes. Traballos que o Executivo local agarda “poidan iniciarse canto antes” ao abeiro dun contrato de tipo menor.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a retirada dos parquímetros da Ora | Descargar mp3