Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez dá orde para proceder á retirada dos parquímetros da Ora para avanzar na eliminación de barreiras

Lara Méndez dá orde para proceder á retirada dos parquímetros da Ora para avanzar na eliminación de barreiras

A medida obedece á vontade da alcaldesa de facilitar a mobilidade peonil e de mellorar a estética do conxunto da cidade.

A creación de futuras zonas de baixas emisións na capital e o incremento das zonas restrinxidas ao tráfico rodado obriga a repensar a funcionalidade do anterior sistema.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Economía,
    • Accesibilidade,
    • Inclusión
Venres, 11 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez dá orde para proceder á retirada dos parquímetros da Ora para avanzar na eliminación de barreiras

As máquinas do sistema Ora teñen os días contados. A alcaldesa, Lara Méndez, vén de dar orde para proceder á súa retirada.

Cando só resta unha peza separada, de tipo penal, para concluír definitivamente todo o proceso legal que afectou á licitación deste servizo, a rexedora lucense iniciou o procedemento para sacar das rúas estes parquímetros, actualmente en desuso.

Unha decisión que, segundo Lara Méndez, “obedece á necesidade de seguir avanzando na eliminación de barreiras que dificulten a mobilidade peonil e de mellorar a estética do conxunto da cidade ao tempo que se evita un foco de confusión para visitantes que descoñecen que, actualmente, estas máquinas non se atopan operativas”.

A este respecto, a alcaldesa incidiu en que a actuación concorda “cos cambios da mobilidade urbana que está a experimentar Lugo, dentro da transformación do municipio que iniciamos xa no anterior mandando, baixo parámetros de sostibilidade. Onde ao tempo que incrementamos os espazos restrinxidos ao tráfico rodado e proxectamos zonas de baixas emisións, procuramos disuadir máis do uso do vehículo particular fronte ao transporte colectivo e fomentamos a utilización doutros medios como a bicicleta, para o que nos estamos dotando dunha senda ciclista de máis de 14 quilómetros de lonxitude e habilitando máis e mellores estacionamentos nos diferentes barrios da capital, todos eles, totalmente gratuítos”, subliñou Méndez.

En total, quitaranse ao redor de 60 postes. Traballos que o Executivo local agarda “poidan iniciarse canto antes” ao abeiro dun contrato de tipo menor.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a retirada dos parquímetros da Ora | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-da-orde-para-proceder-retirada-dos-parquimetros-da-ora-para-avanzar-na-eliminacion

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/110322_lara_mendez_-_retirada_parquimetros_da_ora.mp3