Lerase un manifesto, presentaranse varios vídeos para reivindicar o valor das mulleres e colocaranse carteis na Praza de San Marcos para que a xente deixe a súa frase pola igualdade, entre outras actividades

O Concello, a Deputación e o tecido asociativo, suman os seus esforzos e convidan á cidadanía a sumarse á Quedada pola Igualdade reivindicativa para conmemorar o Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo, ás 19:00 horas diante da Praza de San Marcos.
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a Deputada de Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade, María Loureiro, e as representantes de FADEMUR, Patricia Roca e Sofia Arias, da asociación de Empresarias, Patricia Varela, das Autónomas de Lugo, Marta López e da Federación de Veciños, Fernando Rois e Jose M. Carballo, anunciaron este venres que están convidando a todos os colectivos da provincia luguesa para que se sumen a este encontro.
No acto, González Abelleira fixo fincapé en que “a igualdade é cousa de todos e de todas”. Neste senso, animou á cidadanía a participar en todos os actos que conmemoran o 8 de marzo, posto que “a igualdade temos que conseguila homes, mulleres e a sociedade en xeral”.
Pola súa banda, Loureiro subliñou que é moi necesario conmemorar esta data “os datos falan por si mesmos, hoxe as mulleres temos que traballar 79 días máis ao ano para recibir as mesmas retribucións que os homes, e na nosa Comunidade o 50% das mulleres activas están por debaixo do umbral da pobreza”, resumiu.
Entre as actividades, lerase un manifesto, proxectaranse varios vídeos para pór en valor o importante valor das mulleres, e colocaranse varios paneis na Praza de San Marcos para que a xente deixe a súa frase pola igualdade.