A Casa da Muller atendeu no primeiro semestre 1.631 consultas, o 36% de asesoramento xurídico e o 35% por violencia de xénero

O Foro de Igualdade acorda elaborar un protocolo, coordinado pola Casa da Muller, para garantir accións inmediatas de repulsa ante casos de violencia machista ou calquera outro tipo de discriminación

Dirixirase a todos os estamentos eclesiásticos para expresar o seu rexeitamento ás manifestacións do Arzobispo de Valencia, Antonio Cañizares, contra as persoas homosexuais e o movemento feminista

A proposta do Grupo Socialista, estudarase poñer aos parques infantís da cidade nomes de mulleres galegas cunha traxectoria significativa

Entregados os premios do cuarto certame de narrativa xuvenil Entre Iguais a Andrea Vázquez Mosteirín, María Castro Fernández e Andrea María Gayoso Rodríguez. Os seus traballos colgaranse en www.lugo.gal

Martes, 28 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Casa da Muller atendeu no primeiro semestre 1.631 consultas, o 36% de asesoramento xurídico e o 35% por violencia de xénero

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, informou na reunión que o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade celebrou este martes no Salón de Plenos do balance da actividade da Casa da Muller no primeiro semestre do ano, durante o que atendeu 1.631 consultas, un 36% (593) de asesoramento xurídico, principalmente sobre dereito de familia e xustiza gratuíta, e preto dun 35% (564) vinculadas á atención de vítimas de violencia de xénero.

O Foro de Igualdade tamén coñeceu da man dos técnicos municipais o protocolo de acceso á Rede Galega de Acollemento para Mulleres que sofren Violencia de Xénero, que conta con 6 centros en Galicia, que busca unificar criterios de acceso e actuación ás vítimas e que garante a atención 24 horas ao estar centralizado en Santiago de Compostela.

Por outra banda, este órgano colexiado do Concello acordou elaborar un protocolo, coordinado pola Casa da Muller, para garantir accións inmediatas de repulsa ante casos de violencia machista ou calquera outro tipo de discriminación, así como accións ante o posible tratamento ofensivo das vítimas por parte dos medios de comunicación.

O Foro dirixirase así mesmo a todos os estamentos eclesiásticos, incluído o Papa, para trasladarlles o seu rexeitamento ás declaracións efectuadas en reiteradas ocasións polo arzobispo de Valencia, Antonio Cañizares, contra as persoas homosexuais e o movemento feminista. Nunha homilía, o cardeal chegou a advertir do perigo do “imperio gai” e das ideoloxías de xénero.

O órgano de participación cidadá en materia de igualdade mostrou tamén a súa solidariedade coas vítimas do atentado de Orlando e a necesidade dunha maior visibilidade do colectivo LGTBI.

Por outra banda, a proposta do Grupo Socialista, estudarase poñer aos parques infantís da cidade nomes de mulleres galegas cunha traxectoria significativa. A iniciativa inclúe colocar unha placa e un código QR con información sobre a figura á que se lle dedica cada parque co fin de fomentar deste xeito a igualdade dende as idades temperás.

No Foro participaron representantes de todas as formacións políticas que compoñen a Corporación Municipal, así como representantes dos sindicatos UXT, CC.OO e STEG, e membros de diversas asociacións de veciños, de Mulleres Empresarias, do Colexio de Enfermaría e COGAMI, así como a Plataforma Feminista como colectivo invitado.

Entrega dos premios Entre Iguais

Esta mañá a Concelleira de Igualdade tamén fixo entrega dos premios do VI Certame de Narrativa Xuvenil Entre Iguais, convocado polo Concello para difundir a importancia de acabar coa violencia de xénero e o machismo, e favorecer a igualdade. As gañadoras son: Andrea Vázquez Mosteirín, María Castro Fernández e Andrea María Gayoso Rodríguez.

A Alcaldesa, Lara Méndez, que esta mañá acudiu en Santiago á entrega das Medallas Castelao, polo que non puido asistir ao acto de entrega dos premios, deu por teléfono os parabéns ás gañadoras, felicitándoas por estar concienciadas coa temática do concurso, a igualdade entre mulleres e homes.

Os traballos das galardoadas colgaranse na páxina web do Concello, www.lugo.gal

Multimedia

Noticias relacionadas