A área de Benestar prestou atención, este ano, a 18.104 persoas e incrementou nun 20% a partida do servizo de Axuda no Fogar

O esforzo económico realizado polo Goberno de Lara Méndez permitiu atender a totalidade da demanda da prestación municipal por libre concorrencia, mentres que a xestionada pola Xunta de Galicia mantén en lista de agarda a 325 persoas.

Dende que comezou o mandato, Benestar incorporou sete novos efectivos ao departamento, composto actualmente por 13 traballadoras sociais que realizan unha media de 113 consultas mensuais.

A posta en marcha dunha Unidade de Filtro permite realizar en menos de 72 horas unha triaxe dos novos casos, avanzando tamén na parte documental dos expedientes.

Xoves, 28 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar prestou atención, este ano, a 18.104 persoas e incrementou nun 20% a partida do servizo de Axuda no Fogar

A concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, aproveitou a sesión plenaria celebrada esta mañá para poñer en valor o traballo realizado polos Servizos Sociais municipais e para destacar o labor do persoal da área.

Así, a edil deu conta á Corporación de que na actualidade, no Concello de Lugo prestan servizo un total de 18 traballadoras sociais (ademais de outra adscrita á Casa da Muller), 13 delas nos servizos comunitarios básicos, alén das coordinadoras do Xantar no Fogar, Centro de Día e Axuda no Fogar; a Xefa de Servizo; a Xefa de Sección e a adxunta á Xefa de Sección.

“Dende o inicio do mandato fomos quen de mellorar o funcionamento e a xestión do departamento coa incorporación de sete novos efectivos: dous auxiliares administrativo/as, 2 técnico/as de inclusión e tres traballadore/as sociais, unha delas destinada á nova Unidade de Filtro, de recente creación, coa que se realiza unha triaxe inicial de cada solicitude, á que se lle asigna unha prioridade e se inicia a tramitación correspondente do seu expediente nun prazo máximo de 72 horas, con toda aquela documentación que se considera oportuna para ir avanzando na súa abordaxe”, explicou Olga López.

Deste xeito, a área de Benestar Social dispensa atención a un total de 18.104 persoas (2.842 no Centro de Convivencia Maruja Mallo; 3.631 no da Milagrosa; 3.471 no de Lamas de Prado; 1.397 no María Balteira; 970 no Sagrado Corazón; 4.915 no Uxío Novoneyra e 878 no de Fingoi), asumindo cada traballadora unha media de 26 citas programadas á semana o que supón un mínimo de 113 consultas mensuais e de 194 consultas telefónicas mensuais no caso da traballadora encargada da Unidade de Filtro.

“Tamén implantamos as ferramentas tecnolóxicas precisas para modernizar os operativos internos, entre eles a Historia Social Única que permiten unha tramitación moito máis dilixente dos expedientes e a coordinación con outros organismos para realizar unha abordaxe conxunta dos casos, ou a entrada en funcionamento de dispositivos Gps que contribuirán á incrementar a seguridade das traballadoras sociais fóra das dependencias municipais”.

“Dous anos e medio nos que, a pesar da chegada dunha pandemia mundial que agravou a situación de vulnerabilidade de moitos veciños e veciñas, non só atendemos o urxente - que foi a crise sanitaria - con máis achegas, aumentando a consignación de servizos tan imprescindibles como o Xantar no Fogar ou a Axuda no Fogar para darlle cobertura a toda a demanda, senón tamén xerando novas prestacións como o programa Acompañámoste para persoas maiores e en apoio á infancia con dificultades; deseñando actividades socioculturais acordes ás restricións en vigor sen descoidar nin a Emerxencia Social, nin as axudas á vivenda ao tempo que mantemos o apoio aos colectivos e entidades sociais que operan na cidade a través do Plan Estratéxico de Subvencións. Igualmente demos forma ao novo contrato que rexe o Centro de Día Antonio Gandoi e que incorpora importantes melloras que redundarán na calidade asistencial en consonancia co esforzo económico que fai, ao respecto, este Concello”, engadiu a concelleira.

Cifras que Olga López concretou nun incremento dun 20% da partida destinada a Axuda no Fogar - que pasou dos 3’6 a 4’3 millóns de euros anuais - ou a asignada á atención no Centro de Día, cuxo contrato tiña un importe de 446.362 euros que agora ascendeu aos 613.600 euros, é dicir, un 27’25% máis. Instalacións para as que, actualmente, non existe lista de agarda senón que, pola contra, dispón aínda de dez prazas libres.

“Tampouco hai espera – informou a edil – para o SAF de libre concorrencia que xestiona directamente o Concello, onde atendemos á totalidade das peticións que nos chegan, mentres que para a Axuda no Fogar por dependencia, que lle corresponde á Xunta de Galicia tramitar e sufragar, existe, a día de hoxe, unha lista de agarda de 325 persoas: 10 en Grao III; 57 en Grao II e 258 en Grao I.

López Racamonde lembrou, así mesmo, como outras das actuacións desenvolvidas por Benestar nos últimos meses a rehabilitación que se levou a cabo no Fogar do Transeúnte para aumentar a súa capacidade e á comodidade das instalacións, o mesmo que as obras de reforma do Centro Uxío Novoneira, as de mellora de eficiencia enerxética nos centros de Fingoi e Milagrosa, o pintado do Sagrado Corazón, da Casa Clara Campoamor e do centro María Balteira onte tamén se levou a cabo o acondicionamento de espazos técnicos. “O que nos axuda a realizar unha avaliación que por sí soa constata que a transformación da Administración local impulsada neste mandato por Lara Méndez e coa que se gañou en axilidade e coordinación interna, reverteu directamente no conxunto da sociedade cun aumento da variedade e da calidade das prestacións públicas que ofrece o Concello de Lugo”, concluíu.

Audio

  • A concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, sobre a avaliación de servizos sociais | Descargar mp3

Noticias relacionadas