Muralla 3D

Durante os anos 2008-2010 o grupo Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago realizou para o Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo, dous levantamentos topográficos da Muralla Romana de Lugo que veñen a encher un oco moi importante de información sobre o monumento, xa que só se dispoñía de estudos previos parciais ou sen referencias, que imposibilitaban a integración con outros estudios ou coa cartografía existente da cidade. 

O produto deste levantamento topográfico conforma a información base que vai posibilitar o desenvolvemento de numerosos traballos de grande precisión relacionados coa Muralla, como son:

  • Modelos dixitais realistas.
  • Reconstrucións virtuais e elaboración de material divulgativo.
  • Estudos de deformacións, fendas ou estados de conservación.
  • Identificación, clasificación e análise de materiais.
  • Reconstrucións e rehabilitacións.
  • Inventariación e cálculo de variables inabordables ata agora, como volumetrías, superficies de paramentos, seccións, etc.

O Concello de Lugo conta agora cos datos base punteiros, en canto a precisión e volume de información cartográfica, útil para múltiples aplicacións, tales como traballos de conservación do patrimonio, estudios técnicos e investigacións, actuacións urbanísticas, aplicacións turísticas e de promoción, etc. que un monumento Patrimonio da Humanidade merece e precisa.