Día Mundial do Patrimonio Audiovisual 2016

No día Mundial do Patrimonio Audiovisual, queremos incidir nas palabras da UNESCO cando fai publicidade deste día:

Os documentos audiovisuais —tales como as películas, os programas de radio e televisión, e as gravacións de son e vídeo— son patrimonio de todos e conteñen información chave dos séculos XX e XXI, que forma parte da nosa historia e identidade cultural.

As tecnoloxías de son e imaxe ofreceron novas vías para compartir o coñecemento e expresar a creatividade. Ademais, derribaron moitas das barreiras culturais, sociais e lingüísticas que impedían a difusión da información, como o idioma ou o grao de alfabetización. Os documentos audiovisuais transformaron a sociedade e pasaron a complementar os escritos. Pero dende a invención da industria audiovisual, incontables producións de grande valor histórico e cultural desapareceron.

Por este motivo, a UNESCO aprobou no 2005 a celebración do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual, como mecanismo para concienciar o público sobre a necesidade de tomar medidas urxentes e recoñecer a importancia deste tipo de documentos.

O Arquivo Municipal de Lugo, nestes intres non ten propiamente pezas audiovisuais, agás a película feita sobre o Arde Lucus, dirixida por Brais Revaldería, na que se inclúen moitas fotografías da Colección Delgado Guisasola, propiedade do Concello de Lugo, e un “maping” feito para as festas do S. Froilán de 2014. Calquera das dúas non llas podemos ofrecer, ao non ter aínda unha copia á nosa disposición.

Así mesmo, no depósito do Arquivo desta cidade, producido polo Concello, consérvanse cintas de son das Sesións de Plenos Municipais, máis antigas, do mesmo xeito que o Servizo de Informática custodia as gravacións dos Plenos que se poden ver na web, habitualmente.

Neste ano, o Arquivo Municipal, dependente da Concellería de Desenvolvemento Sostible, quere poñer de relevo este día cunha pequena mostra de documentos visuais, simplemente, dixitalización deses outros documentos fotográficos en soporte papel, permitindo así  a súa difusión dunha maneira moito más accesible a todos os cidadáns e cidadás de Lugo.

Escollemos este ano as fotos que se mostran, dada a importancia que tivo e ten a gandería no desenvolvemento da nosa cidade.

As fotografías aquí amosadas pertencen á Colección Delgado Guisasola adquirida polo Concello de Lugo no ano 1990 e custodiada no Arquivo Municipal.

Ata os ano oitenta do pasado século era fácil atopar un carro de vacas ou bois polas rúas da cidade do cal deixaron testemuña os dou fotógrafos dos queda reflectido o seu  traballo nesta mostra: Castro Freire e Valentín Roldan.

Por outra banda é de todos sabido que a orixe das festas de S.Froilán foi unha feira gandeira , a máis importante de Galicia aínda que no a máis antiga  ( é da S. Lucas de Mondoñedo). Na entorna desta feira facíase un concurso de gando con premios para vacas , bois ou touros e cabalos.

Este concurso celebrouse nos Campos da Feira , que houbo na cidade ao longo dos tempos, o máis coñecido e recordado é o que estaba situado no sitio que hoxe ocupa a Estación de Autobuses, rematado de construír , coas medidas hixiénicas precisas naqueles anos en 1918, e que moitos  aínda temos na nosa memoria, ata os anos 40 do s.XX  no que cambian a súa cubicación ás coñecidas hoxe como costas do Parque Rosalía de Castro, coñecido daquelas como “O Garañón”.

Incluímos aquí as fotos das corridas de touros moi populares na cidade a finais do século XIX e principios do XX e que se facían nunha praza móbil de madeira, nas mesmas datas, que montaban entre a rúa Nóreas e a rúa S. Pedro.

Esperamos que gocen desta pequena mostra.

O CONCELLEIRO DE DESENVOLVEMENTO SOSOTIBEL E PERSOAL
Xosé Daniel Piñeiro Villares

Multimedia