Plan Rehabilita Milagrosa e Barrio Feijoo

"Desde o Concello de Lugo estamos impulsando a recuperación urbana destas dúas zonas no marco do programa de axudas para a rehabilitación integral activado polo Goberno de España cos fondos Next Generation.

Non podemos esquecer que, a pesar do seu dinamismo e de estar cheo de vida, a Milagrosa é un enclave moi emblemático e populoso da nosa cidade que, nos últimos tempos, experimentou un deterioro progresivo, polo que urxe reverter esta situación, ao igual que no Barrio Feijoo. Xorde agora unha especial oportunidade económica co financiamento europeo para  favorecer a revitalización destas contornas, un obxectivo no que a iniciativa municipal quere ser o motor que favoreza o equilibrio e a racionalización de dotacións e recursos públicos.

Esta rexeneración, urbanística e social, farémola dende un punto de vista arquitectónico, promovendo e captando investimento para a recuperación dos inmobles e a mellora da súa eficiencia enerxética pero tamén redeseñando os espazos públicos con proxectos de humanización como a creación dunha senda verde peonil de conexión do conxunto dos barrios co centro histórico.

Para iso, necesitamos da túa axuda. Durante os vindeiros meses imos levar adiante varias iniciativas como enquisas ás persoas residentes a través dos centros educativos e o movemento veciñal, ou a organización de mesas de debate cos sectores económicos e sociais implicados directamente coa vida dos barrios. Todo isto co afán de coñecer as vosas necesidades como veciñanza, pero tamén para informarvos das axudas que permitirán a rehabilitación urbana e facervos partícipes das solucións que se propoñan.

Este labor completarase cun traballo de campo, polo que os redactores do estudo final -que estarán perfectamente identificados- necesitarán da vosa colaboración para acceder ao interior dos inmobles sendo esta a mellor maneira de comprobar con veracidade a súa situación e poder determinar as obras que precisan e, por tanto, as propostas individuais para cada un.

Por todo iso, pídovos a vosa participación nesta gran transformación de Lugo".

Lara Méndez, Alcaldesa de Lugo

Carta da Alcaldesa

Completa a enquisa online

Traballo de Campo

  • Información e enquisa | Descargar pdf
  • Envia a túa enquisa ao equipo redactor do proxecto GAU Arquitectura e Urbanismo: planrehabilitalugo@gmail.com
  • Queres poñerte en contacto co equipo redactor para obter más información e/ou que visite o teu inmoble: Telf. 982250811