Esta é unha das intervencións previstas para este ano, no que tamén se actuará no barrio de Fingoi, a través da cuarta edición do Urban Cores, e na praza do Castiñeiro.
Estase a preparar a xornada “Senda rachada”, de difusión do arte urbano, con artistas locais consolidados e emerxentes, que darán visibilidade á presenza da muller neste campo.
O edil desta área, Jorge Bustos, cre que “Lugo pode ser referente na recuperación urbana, mediante murais, a humanización e o embelecemento de espazos públicos”.
- Tema

A Concellería de Xuventude que dirixe Jorge Bustos impulsará novos proxectos de rexeneración urbana a través da arte, en determinados espazos e contornas da cidade, como nas escaleiras que unen a rúa Santiago con Cidade de Viveiro, “un elemento de tránsito cun aspecto sombrío, no que se intervirá para dotalo de cor, humanizalo e embelecelo, recuperando este espazo público a través dun mural artístico, a cargo de Diego As e Pablo Lage”, explica o edil desta área.
Á rexeneración das escaleiras que se sitúan fronte ao colexio das Pepas, se suman outras actuacións previstas para este ano, entre as que Bustos, destaca “a intervención no barrio de Fingoi, a través do Urban Cores, e tamén, na praza do Castiñeiro, cun novo deseño, que aportará moita cor á contorna e que estará orientado ao público infantil”. Xunto a estas intervencións, a área de Xuventude está a traballar “na preparación dunha xornada de difusión do arte urbano, que baixo a denominación ‘Senda rachada’ contará con artistas locais consolidados e emerxentes e darán visibilidade á presenza da muller, cada vez maior, neste campo artístico”, comenta Jorge Bustos.
Segundo explican os propios artistas sobre a intervención nas escaleiras da rúa Santiago, “estes elementos urbanos soen estar ignorados. A intervención artística non só embelece senón que outorga un propósito máis significativo xa que converte estes espazos nun punto de interese e orgullo para a comunidade”.
Para lograr un efecto positivo entre a poboación e en especial entre as e os lucenses deste barrio, as escaleiras se transformarán grazas ás cores vivas e a un deseño pensado para o entorno. Ademais, segundo aclara Diego As, “para a realización do proxecto estudiáronse detidamente os materiais, xa que ao ser un espazo de moito tránsito, optamos por uns tratamentos especiais para evitar o deterioro e tamén por unha pintura antiescorregadiza específica para este tipo de chans”. Pola súa banda, Jorge Bustos cre que “recuperar estas escaleiras e apostar por este mural vai fomentar o seu coidado, xa que as áreas embelecidas tenden a ser máis respectadas”.
Cuarta edición do Urban Cores, en Fingoi
Co mesmo obxectivo de empregar os murais como unha ferramenta estratéxica para a rexeneración urbana, a finais do mes de maio se desenvolverá a cuarta edición do Urban Cores, un proxecto que este ano terá como zona de intervención o barrio de Fingoi. Bustos aclara que “o Urban Cores deu moi bos resultados nas actuacións desenvolvidas na rúa Esquecemento ou nas Casas Sindicais, creando espazos totalmente renovados e recuperando algunhas zonas da cidade. Para a edición deste ano optamos polo barrio de Fingoi, para o que contaremos con artistas locais”.
No que atinxe á recuperación da praza do Castiñeiro, destaca unha intervención principal dun novo mural que presidirá este espacio público, previa retirada da pintura antiga, moi deteriorada polos anos e polo uso de balóns. O novo deseño convivirá co Einstein da parte esquerda do muro, que se mantén. A humanización da praza se fará integrando varios elementos e inmobles no citado deseño, como poden ser a canastra de baloncesto ou o centro xuvenil.
Senda rachada, para difundir a arte urbana
A aposta do Goberno Local pola utilización da arte urbana para a recuperación de determinados elementos e espazos públicos é clara. Por iso, desde a área de Xuventude se está a traballar no desenvolvemento do proxecto ‘Senda rachada’, unha xornada de divulgación da arte urbana, na que participarán artistas locais consolidados e emerxentes, e que ademais dará visibilidade ao papel e á presenza da muller neste ámbito artístico.
Audio
- Jorge Bustos, sobre a rexeneración artística das escaleiras da Rúa Santiago | Descargar mp3




