A Tinería acollerá mañá un cine-fórum ao aire libre de temática medioambiental, organizado pola oficina municipal Europe Direct Lugo

A actividade, que terá lugar na Praza Recanto do Miño, consistirá nun pequeno coloquio e visionado da película O que arde, do director Óliver Laxe, gañadora de dous premios Goya.

Contará coa participación de Benedicta Sánchez, actriz principal do filme; Óscar Chavarría, educador ambiental de Innogando; e Pablo Yanes, xerente de Cabañas das Chousas.

O obxectivo da iniciativa é concienciar sobre a importancia de preservar o medio natural e dar a coñecer o Pacto Verde Europeo, como principal escudo fronte ao cambio climático.

Xoves, 27 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tinería acollerá mañá un cine-fórum ao aire libre de temática medioambiental, organizado pola oficina municipal Europe Direct Lugo

O barrio da Tinería acollerá este venres un cine-fórum ao aire libre organizado pola oficina municipal de información europea, Europe Direct Lugo. A actividade, de temática medioambiental, terá lugar na Praza Recanto do Miño, a partir das 22:00 horas, e consistirá nun pequeno coloquio e posterior visionado da película O que arde, do director Óliver Laxe.

A charla contará coa participación de Benedicta Sánchez, actriz principal do filme; Óscar Chavarría, educador ambiental de Innogando, unha das empresas implantadas en Lugo ao abeiro da estratexia Lugo Transforma, cun elevado compoñente tecnolóxico e vinculada ao medio rural; e Pablo Yanes, xerente de Cabañas das Chousas. O obxectivo da mesma é concienciar sobre o cambio climático e a degradación do medio ambiente, unha ameaza real á que se enfronta Europa e o resto do mundo.

A actividade será totalmente aberta e gratuíta e aos participantes faráselles entrega dun vale para trocar por flocos de millo. Neste senso, a rexedora, Lara Méndez, convidou a todos os e as cidadás a “participar e coñecer os instrumentos que Europa está a despregar para transformar a UE nunha economía moderna, eficiente no uso de recursos e competitiva, como o Pacto Verde Europeo, co que se busca, ao mesmo tempo, preservar o medio natural, loitando contra o cambio climático e perseguindo unha Europa neutra en emisións de carbono e eficiente no uso dos recursos de aquí a 2050”. “Unha folla de ruta na que o noso municipio se sitúa á vangarda, como un concello pioneiro na implementación de medidas e actuacións para facer fronte á emerxencia climática”, concluíu a alcaldesa.

O filme

O que arde é unha película de 2019 dirixida por Óliver Laxe. Está ambientada na Galicia rural –a historia desenvólvese nos Ancares lucenses– e aborda a problemática da desaparición do rural e dos lumes forestais. É o filme en galego con maior recadación e o máis visto da historia, así como un dos máis laureados, pois acadou catro nominacións nos XXXIV Premios Goya, conseguindo os galardóns de Mellor actriz revelación e Mellor dirección de fotografía, entre outros recoñecementos.

Noticias relacionadas