A orzamento para estes colectivos supón o 43% do presuposto municipal destinado á festa, axudas que este ano deberán tramitar a través de subvencións nominativas.
Poderán xustificarse, de acordo á lexislación vixente, gastos por traslado e compra de materiais; montaxe e desmontaxe de campamentos; dietas; seguros; actividades divulgativas ou adquisición de vestiario de recreación histórica, entre outros.
O edil de Xuventude, Jorge Bustos, sinala que “ampliar a contía destinada ás asociacións que participan no Arde Lvcvs demostra o noso compromiso con elas e por seguir mellorando a festa”.

O Goberno local amplía este ano a 180.000 euros a partida para as asociacións de recreación histórica de Lugo que participan no Arde Lvcvs, o que supón o 43% do orzamento municipal destinado á festa, axudas que este ano deberán tramitar a través de subvencións nominativas. Ademais, tal e como sinala o edil de Xuventude, Jorge Bustos, “a principal novidade deste ano, que cremos que favorece moito ás asociacións de recreación histórica de Lugo, é que poderán percibir o 90% da contía da subvención de forma anticipada, polo que se evita que teñan que adiantar cartos para a preparación de obradoiros, montaxe de campamentos, compra de materiais e outras actividades realizadas ao longo do ano”.
En definitiva, sinala Jorge Bustos “ampliamos a contía destinada ás asociacións e se lles garante o pago adiantado. Esto demostra sobradamente o noso compromiso con elas e por seguir mellorando o Arde Lvcvs, unha festa que este ano conta cun orzamento municipal de 420.000 euros, dos que 180.000 euros están destinados a estas asociacións”.
As subvencións deberán xustificarse de acordo á lexislación vixente, polo que se tiveron en conta os múltiples gastos que deben afrontar estes colectivos. Así, entre outros gastos, subvencionaranse as contías derivadas da montaxe e desmontaxe dos campamentos; traslados de materiais; seguros; vestiario de recreación histórica; ou os gastos do mantemento e mellora das súas instalacións na Castra ou no centro histórico da cidade.
O concelleiro de Xuventude explica, neste sentido, que “poderán subvencionarse gastos derivados da súa participación, polo que o Concello de Lugo está para axudar e colaborar economicamente en todo aquilo que contribúa a manter e mellorar a festa, máis aínda nun ano tan especial no que celebramos o 25 aniversario deste gran evento”.
O Arde Lvcvs celebrará os días 18,19, 20 e 21 de xuño a vixésimo quinta edición dunha festa, que no ano 2023 foi declarada de Interese Turístico Internacional. O edil Jorge Bustos, sinala que “somos conscientes da importante contribución que realizaron, realizan e realizarán á festa as distintas asociacións de recreación histórica de Lugo que participan neste evento. Por iso, este ano, desde o Concello quixemos incrementar as contías que reciben estes colectivos, para que contribúa na mellora e no crecemento do Arde Lvcvs”.
As obrigas de cada unha das asociacións beneficiarias de recreación histórica que participan no Arde Lvcvs consistirá en xustificar a súa programación e gastos, ao igual que se lle esixe a calquera outro colectivo sen ánimo de lucro que recibe axudas da administración local, cos correspondentes deberes e compromisos que estipula a normativa vixente.
Audio
- Jorge Bustos, sobre o Arde Lvcvs | Descargar mp3


