A mostra comisariada por Luz Darriba poderá visitarse nas celas de mulleres da segunda planta ata o vindeiro 30 de abril.
A concelleira de Cultura subliñou que propostas como esta “amosan o compromiso da creación artística coa sociedade e coa defensa dos dereitos humanos”.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, inaugurou no Centro Sociocultural O Vello Cárcere a exposición “Xaque Mate”, da artista Beatriz Barcia, unha mostra comisariada por Luz Darriba que poderá visitarse nas celas de mulleres da segunda planta ata o vindeiro 30 de abril.
Durante a inauguración, Maite Ferreiro destacou o papel do Vello Cárcere como espazo de creación, reflexión e encontro cultural para a cidadanía. “Desde a área de Cultura seguimos apostando por programacións que, ademais de achegar a arte á veciñanza, conviden tamén á reflexión sobre as realidades sociais que nos rodean”, afirmou.
A exposición presenta unha serie pictórica na que Beatriz Barcia revisa obras de grandes mestres da historia da arte, como Velázquez, Goya, Artemisia Gentileschi ou Théodore Géricault, así como de artistas contemporáneos que abordaron cuestións sociais. A artista adapta estas referencias á realidade actual para construír unha proposta visual que funciona como unha especie de “xustiza pictórica”.
A través das súas obras, Barcia aborda cuestións de gran impacto social como as guerras e as súas consecuencias, a violencia machista, a discriminación das mulleres, a corrupción ou as desigualdades económicas. A serie utiliza o taboleiro e as pezas de xadrez como metáfora inicial para representar estas dinámicas de poder e conflito, transformando posteriormente esas figuras en personaxes humanas para reflectir con maior intensidade a realidade social.
Maite Ferreiro subliñou que propostas como esta “amosan o compromiso da creación artística coa sociedade e coa defensa dos dereitos humanos”. A concelleira destacou tamén que “o Vello Cárcere continúa consolidándose como un espazo cultural vivo, aberto á creación contemporánea e a proxectos que convidan a pensar e dialogar sobre o mundo no que vivimos”.
A mostra “Xaque Mate” poderá visitarse no Centro Sociocultural O Vello Cárcere ata o 30 de abril, formando parte da programación cultural impulsada pola Tenencia de Alcaldía para achegar a arte e a cultura á cidadanía.



