Maite Ferreiro anunciou a colaboración da área de Cultura coa Federación Galega de Sociedades de Profesorado de Matemáticas.
Ferreiro: “Na mañá do domingo 15, a Praza Maior encherase de actividades relacionadas coas matemáticas enfocadas de xeito lúdico e festivo”.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o Concello de Lugo se une á iniciativa da Federación Galega de Sociedades de Profesorado de Matemáticas e achegará a ensinanza desta materia ás rúas o vindeiro domingo, 15 de marzo, con motivo do Día Internacional das Matemáticas. Ferreiro destacou que esta iniciativa, posta en marcha por profesoras e profesores, “saca ás matemáticas fóra do contexto académico para levalas á rúa e achegalas ao público xeral, facéndoas atractivas e accesibles ás veciñas e veciños”.
A actividade celebrarase o domingo 15 de marzo, de 11:00 a 14:00 horas, na Praza Maior de Lugo. En caso de choiva, trasladarase ao Vello Cárcere. A proposta aposta por un enfoque lúdico e festivo, xerando un clima de lecer que permite romper cos mitos que rodean as matemáticas. Ademais, fomenta a colaboración interxeracional e de distintos niveis de formación. A manipulación activa de materiais e xogos forma parte da esencia de Matemáticas na Rúa, creando unha experiencia estimulante para todas as persoas participantes.
Entre os diversos materiais utilizados destacan categorías como crebacabezas, superficies minimais, cadrados máxicos, bingos matemáticos, xogos de mesa, cordas e quebracabezas, entre outros. A categoría de quebracabezas é onde a diversidade alcanza o seu punto álxido. Coa súa capacidade para desafiar e entreter, convértense no grupo máis heteroxéneo de materiais.
O Día das Matemáticas celébrase en todo o mundo o 14 de marzo (3-14 no contexto anglosaxón) por seren estas as primeiras cifras do número pi.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o día das Matemáticas | Descargar mp3



