Poñerse na pel e afrontar as dificultades das persoas con mobilidade reducida, finalidade dunha xornada coa que colabora o Concello

A Xornada de Fomento da Accesibilidade Universal terá lugar o día 8 de xuño na Praza da Soidade, dende as 11:00 ás 14:00 horas, en xornada de mañá, e das 16:30 ás 18:30 de tarde

Venres, 02 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Poñerse na pel e afrontar as dificultades das persoas con mobilidade reducida, finalidade dunha xornada coa que colabora o Concello

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, o voceiro de accesibilidade de AUXILIA, Aquilino González, o presidente de PREDIF Galicia, Francisco Vieites, o presidente de Lugo Monumental, David Fernández, e o terapeuta ocupacional de Raiolas, Pablo Gómez, presentaron este venres, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a Xornada de Fomento da Accesibilidade Universal, que se celebrará o día 8 de xuño na Praza da Soidade e no Museo Provincial. O Concello colabora con AUXILIA, Predif Galicia e Lugo Monumental nesta iniciativa, posto que se enmarca na súa aposta pola igualdade e pola defensa dos dereitos básicos de todos os veciños e veciñas, co fin de conseguir unha sociedade máis igualitaria. Neste acto tamén colaboran os colectivos de ASORLU, Udp e ONCE, así como distintas persoas voluntarias.

No acto de presentación, a Concelleira felicitou ás distintas asociacións por levar a cabo esta iniciativa e "por non deixar nunca de traballar pola accesibilidade". Así mesmo insistiu na colaboración que mantén con elas a entidade local e que se articula, principalmente, a través do Gabinete Municipal de Accesibilidade, que nos últimos anos permitiu actuar con eficacia para eliminar as barreiras arquitectónicas e adaptar a cidade a toda a cidadanía luguesa e visitante.

Pola súa banda, as distintas asociacións agradeceron ao Concello o seu respaldo a esta iniciativa, importante para a concienciación da poboación.

Finalidade das xornadas
Poñerse na pel e afrontar as dificultades das persoas con mobilidade reducida é a finalidade principal da Xornada de Fomento da Accesibilidade Universal. Así mesmo, esta iniciativa pretende servir como ferramenta de sensibilización social, ademais de ser un punto de encontro para as persoas representantes das distintas discapacidades da cidade de Lugo, para poder compartir e debater sobre cales son as necesidades prioritarias en canto á accesibilidade do seus respectivos colectivos.

A edil convidou á cidadanía a participar nesta xornada, que se desenvolverá, baixo o hastag #PonteNasMiñaBotas dende as 11:00 ás 14:00 horas, en xornada de mañá, e das 16:30 ás 18:30 de tarde; e insistiu na importancia da súa celebración, necesaria para que todas as persoas poidan ser consciente das diferentes barreiras e da necesidade de que entornos, bens ou servizos sexan accesibles.

O Concello, coa accesibilidade universal
Nesta liña de traballar por "unha cidade máis xusta e sen barreiras, na que nos poidamos mover por Lugo de xeito autónomo e con facilidade", o Concello, nos últimos dous anos creou itinerarios accesibles na Praza Maior, da Soidade e Pío XXI, así como na rúa Soto Freire; repintou 43 prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos da cidade e acometeu tarefas de mellor en rúas como a Avenida da Coruña, Montevideo, Ronda da Muralla ou Lamas de Prado. Tamén puxo en funcionamento  colectores adaptados e recibiu un accésit por Smart City nos premios europeos de accesibilidade.

Noticias relacionadas