Paula Alvarellos anuncia a próxima publicación no BOP da convocatoria para concorrer á praza de Director da Banda de Música

A edil de Gobernanza asinaba esta mañá o decreto autorizando a súa difusión que terá lugar ao longo da vindeira semana

A área de Recursos Humanos trasladaba a mediados de decembro as bases desta oposición á Xunta de Goberno logo de elaboralas no prazo dun mes dende que o executivo decidira desconvocar o proceso anterior

Venres, 24 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos anuncia a próxima publicación no BOP da convocatoria para concorrer á praza de Director da Banda de Música

Paula Alvarellos vén de asinar esta mañá o decreto autorizando a publicación no BOP da convocatoria para concorrer á praza de Director da Banda de Música de Lugo. Un anuncio, adiantou, que terá lugar durante a vindeira semana.

A edil de Gobernanza indicaba tamén que, neste momento, está a seleccionar os membros que pasarán a integrar o Tribunal Cualificador do proceso.

A área de Recursos Humanos trasladaba a mediados de decembro as bases da oposición para a súa aprobación en Xunta de Goberno logo de que o pasado mes de outubro o executivo decidira poñer fin ao procedemento iniciado anteriormente para abordar, coa máxima urxencia, a súa cobertura.

Alvarellos lembrou que se trata dunha praza en propiedade, de acceso en quenda libre,

que se rexerá por un sistema selectivo no que se esixe o título superior de Música ou equivalente na especialidade de Dirección de Orquestra, expedido polo Conservatorio Oficial de Música. As persoas interesadas en participar deberán presentar a documentación requirida nas bases durante os seguintes 20 días hábiles á publicación do seu anuncio no Boletín Oficial do Estado, posterior á súa difusión no BOP e no DOG.

En canto ás probas a realizar polas persoas aspirantes, estas consistirán nun primeiro exercicio de tipo teórico no que haberá que desenvolver por escrito, durante un prazo máximo de dúas horas, tres temas do temario que se adxunta no anexo da convocatoria. Terá unha valoración máxima de 10 puntos debendo obterse un mínimo de 5 para superar o mesmo.

O segundo exercicio constará de tres partes. Na primeira será necesario instrumentar unha obra ou fragmento musical con arranxo á plantilla proposta polo Tribunal durante o tempo que este considere oportuno, podendo utilizar para a súa realización o material bibliográfico que a ou o opositor estime. A segunda parte da proba consistirá nunha análise completa (formal, estilística...) dunha partitura ou fragmento instrumental proposto polo Tribunal que a/o opositor poderá preparar en dúas horas e expoñer oralmente en 30 minutos, debendo contestar a cantas preguntas formule o Tribunal.

E na terceira fase, terá que dirixir un ensaio da Banda Municipal de Lugo, con dúas obras que serán entregadas ás e aos aspirantes cun mes de antelación. O opositor disporá de 40 minutos, 20 por obra, para o ensaio ante o Tribunal e, a continuación, dirixirá, sen interrupción, as obras ensaiadas durante o tempo que indique o Tribunal.

A cualificación deste exercicio será de 0 a 10 puntos, debendo obterse un mínimo de cinco para superar o mesmo e a súa valoración se efectuará mediante a obtención da media aritmética dos resultados obtidos en cada unha das probas en que consiste, considerándose eliminado o aspirante que non alcance os 5 puntos nalgún dos tres apartados.

Unha vez finalizado o proceso selectivo para a cobertura definitiva de prazas como funcionario de carreira, confeccionarase unha lista pola orde de puntuación acadada polos participantes que non superaron este, tendo en conta que para estar incluído nesta lista hai que, alo menos, aprobar o primeiro exercicio do proceso selectivo. A partir de aí, todas as persoas que o superaron, sumaranse as puntuacións obtidas en cada exercicio e así confeccionarase a lista para a cobertura de interinidades. Esta lista de reservas caducará naquel momento no que como resultado dun proceso selectivo posterior para a mesma categoría sexa xerada unha lista máis actualizada.

Noticias relacionadas