A convocatoria do premio de deseño gráfico contará cun galardón de 1.900 euros e servirá para elixir a imaxe anunciadora do XXV aniversario da festa.
As propostas deberán reflectir o mundo romano e castrexo, incluír a lenda ANNVS ARGENTEVS e ser creacións orixinais de autoría propia.
O edil Jorge Bustos subliña que “este concurso é unha oportunidade para que creadoras e creadores deixen a súa pegada nunha festa con proxección internacional”.

O Concello de Lugo levará este mércores á Xunta de Goberno Local a aprobación das bases reguladoras do Premio de Deseño Gráfico Arde Lucus 2026, un certame co que se elixirá o cartel anunciador da próxima edición da festa de recreación histórica, que celebrará o seu XXV aniversario.
“Este concurso é unha oportunidade para que creadoras e creadores deixen a súa pegada nunha festa con proxección internacional e cunha identidade moi definida”, sinalou o edil de Xuventude, Jorge Bustos, quen destacou que o cartel “debe ser capaz de transmitir a esencia do Arde Lucus e a importancia simbólica dunha edición tan especial”.
A convocatoria establece un premio único de 1.900 euros, con cargo ao orzamento municipal, para o deseño gañador, que será a imaxe oficial do Arde Lucus 2026. Poderá participar toda a poboación con obras de formato A3 e técnica libre, presentando cantos traballos considere oportunos, sempre que se trate de obras orixinais, inéditas e de creación propia.
As bases recollen que os deseños deberán reflectir o espírito da festa, facendo especial fincapé na reconstrución histórica e na volta da cidade ás súas orixes, visualizando obrigatoriamente o mundo romano e castrexo. A cor vermella deberá ser a dominante e o cartel terá que incluír o texto Arde Lucus MMXXVI, a mención a Festa de Interese Turístico Internacional, a páxina web www.ardelucus.com e as datas de celebración, que serán os días 18, 19, 20 e 21 de xuño.
Como elemento específico desta edición, ao celebrarse o XXV aniversario da festa, os carteis deberán incorporar de xeito obrigatorio a lenda ANNVS ARGENTEVS, en referencia ao aniversario de prata do Arde Lucus.
O prazo de presentación das propostas abrirase ao día seguinte da publicación oficial do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e permanecerá aberto ata o 27 de marzo de 2026. Os traballos deberán presentarse de forma anónima no Rexistro Xeral do Concello de Lugo, nos termos recollidos nas bases.
Unha vez pechado o prazo de admisión, as obras presentadas serán exhibidas na Casa da Xuventude, onde permanecerán expostas durante un mes. A elección do cartel gañador corresponderá a un xurado experto, integrado por profesionais vinculados á ilustración, o deseño gráfico, a cultura, o ámbito académico e o patrimonio, que valorará criterios como a composición estética, a creatividade, a claridade da mensaxe visual e o coidado nos acabados.
A resolución do concurso darase a coñecer o 9 de abril de 2026, ás 13.00 horas, na Casa da Xuventude.
Jorge Bustos concluíu destacando que “o cartel do Arde Lucus é unha peza clave da identidade da festa e unha magnífica plataforma de visibilidade para artistas e deseñadores”.
Audio
- O edil de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o concurso do cartel do Arde Lucus 2026 | Descargar mp3

