José Blázquez inaugura as actividades do Entroido dende a praza Maior de Lugo

O pregón celebrouse na praza Maior "para facilitar a participación da veciñanza".

Os concursos de disfraces terán lugar na tarde do sábado 14 (categoría infantil) e o martes 17 (categoría adulta).

Venres, 13 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
José Blázquez inaugura as actividades do Entroido dende a praza Maior de Lugo

O artista lucense José Blázquez foi o pregoeiro que deu comezo ás actividades do Entroido organizadas pola Tenencia de Alcaldía. O pregón volveu un ano máis á praza Maior, dentro da iniciativa posta en marcha pola edil de Cultura, Maite Ferreiro, co obxectivo de "facilitar a participación da veciñanza no acto de inicio do Entroido".

A concelleira de Cultura destacou a "importancia" de "crear un ambiente alegre e desenfadado, fomentando a unión dos e das lucenses a través do humor, contribuíndo tamén á diversidade de expresións culturais durante a festa do Entroido" para o inicio desta festa. Maite Ferreiro quixo facer fincapé no disfraz dos membros da Tenencia de Alcaldía, "un guiño ao eclipse solar que se poderá ver desde Lugo o vindeiro 12 de agosto, como unha das ubicacións máis privilexiadas para desfrutar deste evento".

A fin de semana de Entroido comezará o sábado 14 con "AUCHH!" de Abraham Arzate na praza Maior, a partir das 12:30, e pola tarde co desfile infanti (17h), que contará coa animación da Tambukda e "Malabarabilidades" a cargo de Fran Boza. A partir das 20:30, a Tambukda animará as rúas do casco histórico. O domingo 15 pola mañá a praza Maior acollerá o espectáculo "Frikis" de Mundo Costrini a partir das 12:30 e pola tarde, a partir das 18h celebrarase a Gala de circo Introitus, coas actuacións de Pakolas, Marta Sempre Arriba, Henriko e Martilda.

O luns 16 a xornada comezará ás 12:30 co espectáculo "Máximo Óptimo" de Máximo na praza Maior. Pola tarde o Dúo Laos representará "Otros Aires" a partir das 18h na praza Maior e a partir das 21:30 a animación de rúa continuará no casco histórico coa actuación do Bloco Meigallo.

O Martes de Entroido contará con Brais das Hortas e o seu espectáculo "Consertasso na horta" a partir das 12:30 na praza Maior, e pola tarde será a quenda do desfile de disfraces para persoas adultas, a partir das 17h, coa actuación de Tambukda e Carta de ajuste.

A xornada de peche do entroido, o mércores 18 de febreiro, será a quenda de Arturo Cobas co seu espectáculo "O mundo de Nono". Pola tarde, as actividades continuarán ás 17:30 cun Concerto de Banda e Coro infantil da banda Filharmónica de Lugo, e o entroido pechará a partir das 20:00 co Enterro da Sardiña e o concurso de ferretes. A actividade sairá do Círculo das Artes e conta coa colaboración de Estoupacaldeiros e as actuacións de Orquesta Terra Nova e Orfeón Xoan Montes.

Texto pregón Entroido 2026

Estimado público, estimadas autoridades, estimadas políticas, estimadas empresarias, estimadas persoas da Cultura, das Artes e da Letras, estimadas voces e plumas que compoñedes ferretes. Estimados e estimadas compañeiras da Asociación Pepe Barreiro. Eu hoxe son só o Gran Espetón, unha das múltiples personaxes que van na procesión do Enterro da Sardiña. E coma tal síntome hoxe, representando a todas esas persoas que, ano tras ano, van sen ínfulas, coa cara tapada, ao enterro desa sardiña que hai que enterrar.

É un pracer estar de novo pregoando o Entroido da miña cidade. Este será o meu 66 Entroido dende que nacín, xa son vello, pero esta festa sempre estivo presente nas miñas prioridades, tanto a modo persoal como pertencente a distintas asociacións, como a que hoxe me compete, ao estar dando esta parolada a todas e todos vós como o Gran Espetón da Asociación “Pepe Barreiro”, organizadora do Enterro da Sardiña.

Antes de nada dicirvos que Pepe Barreiro, recupera no ano 1985 un evento prohibido durante moito tempo e comeza a mobilizar á veciñanza de Lugo, co apoio da corporación do alcalde Vicente Quiroga, para organizar un orixinal Enterro da Sardiña. E o leva a cabo durante os anos que a vida llo permitiu, pois falece no ano 1993.

É no ano 2000, cando Mercedes Barreiro, co beneplácito de Ignacio Eguíbar, neses momentos concelleiro de Cultura, cando forma a Asociación que leva o nome do seu pai. E despois de 16 anos presidíndoa, a Asociación “Pepe Barreiro”, toma o relevo como presidenta a Olga Díaz, organizando e implicándose dende 2017 na complexa estrutura do Enterro da Sardiña.

Despois de que Manuel Rebordelo, falecido a semana pasada, e Jesús Cao fixeran de Grán Espetón, no ano 2003 ou 2004,  non lembro ben, comezo eu a ler os ferretes e quédome ata hoxe coma a personaxe que le no Enterro da nosa ben querida Sardiña.
Foi no 2005, cando se constitúe o primeiro concurso de ferretes co apoio do Concello de Lugo.

Ao longo dos 25 anos da recuperación do Enterro da Sardiña, que son os mesmos que ten a Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, léronse moitos ferretes; uns moi acertados, outros estupendos, algún que outro, soberbio e, as poucas veces, algún que non o entendía nin deus. Sempre, e de corazón o digo, agradecer as plumas que, con tanto cariño, rintintín e ironía, fan dos ferretes excelentes poemas urbanos. Tamén, coma non agradecer, á Xunta directiva da Asociación pola labor encomiable de facer tódolos anos unha excelente selección dos ferretes a ler.

O mundo está revolto
como revolto tiña o meu pregón.
Tiña que poñer todo en orde
para que vós entendéselo mellor.

E se de ferretes falamos aquí vai unha selección deles, ao longo dos anos pasados:

A todo o pobo de Lugo
e ó persoal forasteiro.
Escoitade con atención
do voso irmán Espetón
o ferrete parrandeiro.

No ano 2000 escoitábase:

O PSOE di que é Fomento
o P.P. que se é o Bloque
así temos o esperpento
que é a rúa de San Roque.  

Esteamos sempre unidos
esta é a nosa cidade
e á muralla  QUE A FAGAN XA
Patrimonio da Humanidade.  

No ano 2001 dicíase:

Uns dende os Paxariños,
e outros dende a Piringalla,
todos puxeron libriños
no Cumulum da muralla.

As funcións do Auditorio / teñen moitos achegados
pero di a oposición:
“non hai asentos numerados”.
Non é problema dos números,
é que se fai pequeno, / que fagan outro mais grande
“pa” que entre Lugo enteiro.

No 2002 un dos ferretes rezaba así:

Múltiples bravos lles damos / seus fillos agradecidos
a nosa Corporación.
Que despois de tantos anos / parece que conseguiu
o que este pobo quería:
Que toda a Tinería / deixe de ser un rincón
e pola rúa do Miño / se poida pasear un meniño
sen medo nin precaución.
Foi no ano 2003, se non me equivoco, cando comecei a ler ferretes no Enterro da Sardiña. E o retrouso se cantaba así:

 XA PASARON CATRO ANOS
CON ESTA CORPORACIÓN
SOCIALISTAS E BLOQUEIROS
XUNTOS CANTAN ALIRÓN!

No ano seguinte, no 2004, este foi un dos ferretes:

Este ano, como hai eleccións,
aquí veñen os políticos,
con moitas proposicións
e dándolle moito ó pico.
Ministros galegos prometen
que gobernarán dende España,
pero os problemas de aquí
é aquí onde se amañan.

No ano 2005, xa se comentaban as maneiras do trato cívico e así quedaba escrito nun dos ferretes:

A xentiña do concello
moi alporizada está,
Pois di que non son maneiras
de tratar co persoal.

No ano 2006, pedíanse os gobernos en coalición e tamén falábase do ansiado auditorio:

Maiorías no son boas
traballan o seu querer,
Iremos de noraboa
se non volve a acontecer!

Oh, Amado Auditorio!
Estarás entre nós algún día?
Porque tanto pedir por ti
prodúcenos cagarría.

Chegamos ao 2007, este ano volvíamos co tren:

Prestige, Ave e autovías
Onde están que non os vemos?
Pasan os días e os anos
Políticos, que facemos?
POIS CANTEMOS
(Cantando) O chacachá do TREN
que pena da escoitar
cando nos menten ben.

No ano 2008, lembrabamos ao primeiro Gran Espetón:

Hoxe remata o Entroido
e todos de corazón
lembrámonos de Penedo
que foi un "Gran Espetón"
A súa falta notamos
elegante e soñador,
con so nomear Penedo,
o Entroido soa mellor!

Foi no ano 2009, que cantabamos no retrouso a conformidade da poboación lucense:

 O MELLOR DESTA CIDADE
SOMOS O POBO LUCENSE
ÉNCHENNOS DE PROMESAS
E SEGUIMOS TAN PACIENTES.

Dáche o mesmo quen goberne!
Goberno ou Oposición:              
Uns din que moito fixeron
e os outros que o farán mellor.

Xa temos Auditorio, Ponte
e pra todo hai solucións!,
Ai!, perdón, non lembraba              
que estabamos en eleccións.

No ano 2010, leo tres ferretes que aínda están de actualidade:

O cuartel de San Fernando
o están deixando caer,
cando queiran facer algo
para nada vai valer.

Quen nolo ía dicir
despois dunha chea de anos,
que o 2010 chegaría

A crise xa dura moito
e remedio non terá
por iso a nosa Muralla
con candís se alumará.
Seica no Concello de Lugo
nin pra mixtos teñen xa.
Sen que de lonxe se vira
nin o Auditorio nin o Museo Romano.
Pasarán outros dez anos,
e seguiremos como estamos.

No ano 2011, un ano moi especial, os ferretes comezaban con esta parolada:

Amiguiños e amiguiñas, esta vida é unha leria,
mentres uns cantan moi ledos, outras choran as miserias.
Este  Enterro da Sardiña
Facémolo para alegrar
a todas as persoas lucenses
que o están a pasar mal…

 CAGAN E CAGAN
E VOLVEN A CAGAR
ÓS CANS POLA MURALLA
E OS DONOS A MIRAR

Miúdas carreiras nos damos
alá polo novo Hospital,
Así o persoal está en forma,
pra os enfermos coidar.

O cuartel de San Fernando
Museo da Romanización.
Seguiremos esperando,
non hai outra solución.

O PSOE  “I LOVE YOU” LUGO
O P.P. non quere ser menos
O BNG vaino mellorar
Deus! Pensan que somos nenos.

E se tes algo que facer
sexa urxente o transitorio.
Nunca te fíes do RELOXO
que temos no Consistorio.

Chega o 2012, e un dos ferretes dicía:

Os políticos van por libre
Do seus soldos nin falar
Quítannos os nosos dereitos
E os de Lugo,... ver, oír e calar.

No ano 2013, “UN ANO NO QUE TODO CRECE”, catabamos este retrouxo:

 TODIÑOS OS CORRUPTOS
DEREITOS Á CADEA
SENÓN A DEMOCRACIA
NON NOS CHEGA Á PRIMAVERA

Uns non teñen para comer,
outros a Suiza cos millóns
e vivindo como reis…
hai que botarlle collóns!

Nas próximas eleccións
votade a “ALIBABÁ”
con so corenta ladróns…
a cousa mellorará.

No ano 2014, Ere que te Ere e tamén catabamos este retrouxo:

 APRENDÍN CON ESTA CRISE
A ZURZIR OS PANTALÓNS…
PERO VER MEDRAR AOS RICOS
TÓCAME MOITO OS CO… OS CALZÓNS

Pensando en facer ferretes
busco unha inspiración.
E fai tempo SO me sae
Corrupción e corrupción.

 Un bache, dous baches, tres baches
Fontiñas é un bache QUE NON SE TAPOU
Un bache, dous baches, tres baches
Deixámolos pra o ano, que hai eleccións.

Quedeime sen emprego
porque fixeron un ERE…
E canto este ferrete
mais que nada por fodere!

No 2015, un vaivén de palabras
 
Tiven A BEN culturizarme / e achegueime un día ao Pleno.
Ou ben confundín o día, / ou ben trabuquei o salón,
porque aquelo semellaba / un partido de ping-pong:
Ti fixeches, eu non fixen, / ti meteches, eu saquei,
ti dixeches, eu non dixen / A ti untáronte e a ti tamén.

Dixo o presidente
Que se acabara a crise;
vostede Don Mariano…
é que non sabe contar chistes!
No 2016, cantabamos ao unísono:

 O TREN CORRE QUE CORRE
POLO SUR DA GALIZA
EOS DE LUGO QUEDAMOS
“TOCÁNDONOS A NABIZA”

Viva, viva San Antroido.
Santo, santo do pecado.
Viva, viva San Antroido.
De chourizos coroado.

Hai señores que non saben,
outros que nada recordan,
Como farían tales fortunas
con tan pésima memoria?

Se es varón sen cerebro
nin corazón nin guevos.
Pode que en España sexas
un político perfecto.

 O.R.A. pro nobis
pro nobis O.R.A.
Onde carallo atopas
aparcadoiro agora?

No ano 2017, aínda seguíamos co Auditorio:

Xa temos un Auditorio,
moito loitamos por el!
E seguiremos loitando
para poder entrar nel.

O Presidente non minte
ao dicir que sube a pensión,
pero nada comenta
da subida da inflación.

No ano 2018, un dos ferrete xa tiña premonición:

Vemos que a nosa Muralla
estásenos a caer,
sendo xa Patrimonio,
isto non pode ocorrer!

Ao chegares cada Entroido
aproveito este ferrete
para reclamarlle o AVE
aos políticos E a RENFE.

Díxencho moitas veces
non me sexas tarugo
que o conto do AVE
nunca vai chegar a Lugo.

Os concelleiros da OPOSICIÓN
a todo din que non,
coidado señores edís
non sempre levan razón.

No 2019, falabamos do Goberno:

A xente dista cidade
temos paciencia probada
ver que pasan os anos
sen que se remate nada.

 Xa chega o Entroido,
xa temos Auditorio;
parece moi bonito,
pero só ten envoltorio

Que está a pasar no Concello
co funcionario municipal!
os cidadáns non son atendidos
por falta de persoal.

A policía local
évos moita policía;
non multa, nin arresta,
nin de noite nin de dia

No 2020, seguiamos a falar do Goberno:

No cuartel de san Fernando
non queremos parador
queremos un grande museo
na honra do emperador.

Non temos banda de música
o templete está baleiro
pero que has de facer / querida Maite Ferreiro?

Hoxe as liñas dos buses
estanvos ben torcidas...
has precisar, Rubén,
mercar un bo tiraliñas.

Agora que non hai hora
que gusto dá aparcar
polas rúas da cidade
sen ter nada que pagar.

A culpa é do Concello
outros lla botan á Xunta
o caso do auditorio
non se vai rematar nunca.

No 2021, non se fixeron actos multitudinarios, debido ao confinamento polo virus da COVID.

Despois dun ano sabático, no 2022, decidiuse facer o enterro un venres, por iso de probar. Non funcionou e así cantamos o retrouso:

 NON VÉN O AVE A LUGO,
PECHADO O AUDITORIO…
QUE ANDADES A FACER
XENTIÑAS DO CONSISTORIO!!!

Os bancos andan ao seu.
aforran costes e a gañar cartos,
pechar oficinas e dixitalizar
e SEN COS VELLOS contar.

Xa temos carril bici,
xa podemos pasear;
para que logo nos digan
que Lugo non é capital.

Sorte que temos a XULIO CÉSAR
ollando a xente pasar,
debiamos pintar ao PRESIDENTE
a ver se caso nos fai.

Que viva a música,
que viva o auditorio,
que vivan os políticos!
ai… menudo jolgorio!

No 2023, coma sempre, se lle deu un repaso a todo.

Pobre río Rato, pobre
e podres as carballeiras
como veña a Ronda Leste
adeus a tanta beleza!

Moitos cartos se perderon
e máis que se perderán
por non termos unha hora
que cobre por aparcar.

Mamá, mamá,
imos ver o Auditorio?
E cal?
O que fixeron cando nacín
Se iso está por rematar!
Se iso está por rematar!

Dona Lara coa trompeta,
dona Maite co timbal,
no templete desafinan
sen banda municipal.

Coma no 2025 suspendéronse todos os actos oficiais do Entroido, polo falecemento da alcaldesa Paula Alvarellos.
Só me queda repasar os ferretes do ano 2024, que, coma sempre, falabamos do Goberno.

 TÉMOSCHE MOITO CANTANTE
NESTE GOBERNO LOCAL
PERO NINGUÉN PON A ANDAR
A BANDA MUNICIPAL.

Quen tivo collóns para tirar o Garañón
abofé que estes lle foron medrando.
Que os volva poñer de novo
a ver se amaña San Fernando.

Non temos auditorio
porque disque hai filtracións.
Non temos Praia fluvial
porque disque hai mexillóns.

A Lara na cidade todo lle era bonito,
ordenando e gobernando,
ata que un bo día escoitou:
 A Santiago vou, lixeiriño, camiñando…

Os que planean as obras
danme moito en que pensar.
Ou NON entenden os planos
ou só pensan en cobrar.

Non vén o AVE pra Lugo,
baleiro está o templete,
mais temos carril bici
para pasear o patinete.

Que o tempo non nos asuste, que por moito que chova, as xentiñas disfrazadas sempre andan polas rúas. Este Entroido coma sempre rematará, cantando unhas ladaíñas, co Enterro da Sardiña, o mércores de cinza.

MUSICA: Foxtrot de Los Gavilanes o "las lloronas"
Zarzuela “Los Gavilanes” (Jacinto Guerrero)

 NON HAI POR QUE SOFRIR
NON HAI POR QUE CHORAR
POR ESTA SARDIÑA
QUE TEMOS QUE ENTERRAR
NON HAI POR QUE SOFRIR
NON HAI POR QUE CHORAR
SE Ó FINAL DE TODO
SEMPRE CON NÓS ESTÁ.

DENDE VIVEIRO
Ó NOSO POBO
OUTROS PEIXIÑOS NOS CHEGARÁN
E NA CORESMA
HABERÁ ABSTINENCIA
PULPO E MERLUZAS SEMPRE NO MAR

Sufrido pobo lucense
aquí remata o meu pregón,
en verdade vos prometo
que o próximo ano estaremos
aquí, fronte ao consistorio.
Viva o Entroido!

Multimedia

  • José Blázquez inaugura as actividades do Entroido dende a praza Maior de Lugo
  • José Blázquez inaugura as actividades do Entroido dende a praza Maior de Lugo

Noticias relacionadas