Alcaldía formaliza a candidatura de Lugo ao 2% cultural para converter o cuartel de San Fernando no Museo da Romanización fronte a pasividade da Xunta

O Concello optou por concorrer a esta liña estatal como vía alternativa ante a falta de avances concretos por parte da Xunta de Galicia, administración competente en materia de patrimonio cultural.

Miguel Fernández, lamentou “a marxinación que vén sufrindo a nosa cidade neste asunto por parte do Goberno autonómico en relación a outros proxectos no que supón unha afronta sen precedentes á cidadanía lucense.

O rexedor defendeu que “a creación do Museo non é un capricho local, senón unha débeda histórica cunha cidade que é referente do legado romano no noroeste peninsular e capaz de dinamizar o municipio a nivel cultural e económico”.

“A solicitude contempla un investimento total estimado de 15.201.235 euros e opta a unha subvención estatal do 75%, asumindo o Concello o correspondente cofinanciamento.De non acadalo, esixiremos a Xunta que cumpra o seu compromiso”, sinalou.

Venres, 13 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alcaldía formaliza a candidatura de Lugo ao 2% cultural para converter o cuartel de San Fernando no Museo da Romanización fronte a pasividade da Xunta

O Concello de Lugo formalizou hoxe ante o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana a súa candidatura á convocatoria do 2% Cultural 2025 para impulsar a creación do Museo da Romanización de Galicia no antigo Cuartel de San Fernando. O Concello optou por concorrer a esta liña estatal como vía alternativa fronte a falta de avances concretos por parte da Xunta de Galicia, administración competente en materia de patrimonio cultural. Así, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, lamentou “a marxinación que vén sufrindo a nosa cidade neste asunto por parte do Goberno autonómico” e defendeu que “a creación do Museo da Romanización non é un capricho local, senón unha débeda histórica cunha cidade que é referente do legado romano no noroeste peninsular”.

A solicitude contempla un investimento total estimado de 15.201.235,59 euros e opta a unha subvención estatal do 75%, asumindo o Concello o correspondente cofinanciamento. O proxecto prevé a rehabilitación integral do inmoble de 4.240 m² para convertelo nun centro de conservación e divulgación do legado romano-castexo, un espazo sociocultural destinado a albergar, investigar e exhibir o importante legado arqueolóxico romano vinculado á antiga Lucus Augusti recuperado en diversas escavacións desde os anos 90 do pasado século ata a actualidade e que na actualidade suma máis de 15.000 pezas de distinta tipoloxía das que a Xunta non asume as súas competencias de conservación e custodia.

A adoitada candidatura impulsada pola Alcaldía incorpora ademais unha extensa memoria técnica, estudo de viabilidade, plan de mantemento e memoria de transcendencia supralocal, ao entender que o futuro museo non só terá impacto en Lugo, senón no conxunto de Galicia, ao constituír o único gran equipamento pendente de rehabilitación dentro do recinto intramuros. Cabe lembrar que xa a comezos de século, baixo a presidencia de Manuel Fraga, a Xunta comprometeuse con este proxecto, compromiso que inexplicablemente deixou de considerarse prioritario a partir de 2012.

“Os proxectos arqueolóxicos expostos en Galicia nesa época polo goberno do PP xa son unha realizade en Pontevedra, Ourense e A Coruña. Con todo en Lugo a Xunta non deu nin un só paso a pesar do clamor social e das nosas reiteradas demandas institucionais, que lamentablemente non obtiveron resposta efectiva”, apuntou o rexedor.

 “Mentres tanto, o Goberno autonómico si impulsou investimentos millonarios noutros equipamentos culturais, como os máis de 17 millóns de euros destinados ao Pazo de Lourizán ou os importantes recursos comprometidos para a recuperación do Cinema Fraga en Vigo, onde ambos os proxectos na provincia de Ponteverdra contan con practicamente o dobre de financiamento da necesaria necesario para facer realidade o noso proxecto no que supón unha afronta sen precedentes á cidadanía lucense”, expuxo Fernández.

“O recinto amurallado é Patrimonio da Humanidade desde fai máis de vinte anos e seguimos sen contar co gran centro museístico que articule e explique a nosa historia romana. Non podemos permitir que o proxecto siga paralizado indefinidamente”, sinalou. Fernández subliñou que o Concello “non vai permanecer de brazos cruzados” e que a concorrencia ao 2% Cultural demostra “a vontade firme deste Goberno de buscar alternativas e aproveitar todas as oportunidades de financiamento para que Lugo deixe de esperar”.

Un proxecto estratéxico para o recinto histórico O antigo cuartel, proxectado en 1779 baixo o reinado de Carlos III polo arquitecto Francisco Sabatini, constitúe un exemplo singular de arquitectura neoclásica militar ilustrada e conserva a súa estrutura orixinal organizada ao redor de patios porticados e arcadas de sillería. Trátase do único acuartelamento ilustrado levantado na cidade.

O inmoble sitúase dentro do recinto amurallado, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000, e nunha contorna que concentra ademais a Muralla Romana de Lugo, o Camiño Primitivo de Santiago e a Catedral de Lugo. A intervención alíñase cos criterios internacionais de conservación patrimonial recollidos na Carta de Venecia de 1964 e busca non só a recuperación arquitectónica do edificio, senón a súa activación social e cultural como equipamento tractor para o comercio, a hostalería e a dinamización do centro histórico e de todo o municipio.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o Museo da Romanización | Descargar mp3

Multimedia

  • Alcaldía formaliza a candidatura de Lugo ao 2% cultural para converter o cuartel de San Fernando no Museo da Romanización fronte a pasividade da Xunta

Noticias relacionadas