O edil de Xuventude, Jorge Bustos, se reuniu estes días con responsables do Concello de Braga, da festa que recrea Bracara Augusta e do Eixo Atlántico para acudir á BTL, na capital portuguesa.
Tamén se estudia a celebración dun desfile conxunto das asociacións de ambas urbes polas rúas de Lisboa así como a participación dos colectivos lucenses en Braga Romana.
Bustos destaca “o gran potencial da feira lisboeta dentro desa campaña de internacionalización do Arde Lvcvs que estamos a realizar, de cara a súa vixésimo quinta edición”.

A área de Alcaldía promocionará o Arde Lvcvs na Feira Internacional de Turismo de Lisboa, grazas a un plan conxunto dos Concellos de Lugo e Braga, que contempla, entre outras actuacións, a participación neste evento de xeito conxunto, como un paso máis da campaña de internacionalización do Arde Lvcvs, que o Concello de Lugo está a levar a cabo de cara a celebración da vixésimo quinta edición desta festa.
Así o confirmou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, máximo responsable do Arde Lvcvs, trala reunión celebrada en Braga con responsables deste Concello portugués, da festa Braga Romana e do Eixo Atlántico, organismo que reúne a varios concellos galegos e do Norte de Portugal. En dito encontro non só estudiaron a participación conxunta no evento internacional de Lisboa, que terá lugar do 25 de febreiro ao 1 de marzo, senón tamén que as tropas e lexións de ambas cidades sexan as protagonistas dun desfile polas rúas máis emblemáticas da capital portuguesa. Deste xeito búscase facer unha promoción conxunta, tanto de Braga Romana, que se celebrará do 21 ao 24 de maio, como da edición vixésimo quinta do Arde Lvcvs, que se vivirá do 18 ao 21 de xuño.
Para Jorge Bustos “os desfiles das tropas, tribos e lexións das asociacións lucenses son un dos actos máis espectaculares do Arde Lvcvs e que xeran maior expectación, polo que cremos que a posibilidade de ensinar parte deste potencial e facelo conxuntamente cos colectivos de Braga, pode ser un gran incentivo para a promoción de ambas festas, e tamén das dúas cidades desde un punto de vista turístico moito máis amplo”.
Sobre estas novas liñas de promoción da festa de recreación histórica de Lugo, o edil responsable da súa organización salientou ademais que “trátase dunha nova iniciativa para divulgar internacionalmente a festa e cremos que con moitas posibilidades, pola proxección que ten a BTL, que ademais de centenares de destinos de todo o mundo, reúne durante uns días obradoiros temáticos, presentacións de destino, probas gastronómicas e presentacións culturais”.
Ademais disto, Jorge Bustos, salienta outro aspecto positivo da participación na BTL como é “afianzar a unión das urbes de Braga e Lugo, que están irmandadas desde hai décadas, xunto a Astorga, como as tres cidades da Gallaecia do Noroeste Peninsular, fundadas no nome do emperador Octavio Augusto”. Precisamente, esta unión “é o que se vai favorecer tomando parte nesta feira e desfilando polas rúas de Lisboa, nunha recreación de tropas e lexións que agardamos teña igual o máis visibilidade que cando se realizou en Madrid”.
Esta non é, sen embargo, a primeira vez que Braga e Lugo se unen en actividades conxuntas. Como cidades irmandadas e cun pasado romano compartido, ao longo dos anos houbo moitas colaboracións e intercambios nas festas do Arde Lvcvs, que este ano cumpre os 25, e de Braga Romana, que en maio celebrará os 22 anos de vida. “É habitual que colectivos de recreación histórica de Lugo viaxen a Braga, como tamén o é que asociacións da cidade portuguesa veñan a Lugo. De feito o ano pasado se distinguiu entre as tropas estranxeiras á lexión VI Victrix de Bracara Augusta polo seu compromiso co Arde Lvcvs”, sinala Jorge Bustos.
A reunión celebrada en Braga, na que Jorge Bustos estivo acompañado da técnico municipal encargada da programación do Arde Lvcvs, serviu ademais para “abrir novas vías de colaboración a través do Eixo Atlántico para a promoción das dúas festas romanas. Unha delas será a difusión do vídeo que xa proxectamos en Fitur, producido para anunciar os 25 anos do Arde Lvcvs, nas canles de comunicación de Braga, para o que contaremos coa colaboración do propio concello portugués, e do resto de cidades que integran o Eixo Atlántico”, explica o responsable de Xuventude.
Audio
- O edil Jorge Bustos, sobre a Feira Internacional de Turismo de Lisboa | Descargar mp3



