Maite Ferreiro anuncia dúas proxeccións de documentais previas aos Premios Mestre Mateo

O Vello Cárcere acollerá a mostra de obras de dúas cineastas da provincia de Lugo.

Luns, 09 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro anuncia dúas proxeccións de documentais previas aos Premios Mestre Mateo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou dúas proxeccións de documentais dirixidos por mulleres da provincia de Lugo, "propostas que servirán como antesala dos Premios Mestre Mateo mais tamén estarán enmarcadas dentro do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora".

Ferreiro destacou que “estas dúas proxeccións poñen en valor o talento das creadoras audiovisuais lucenses, ofrecendo ao público a posibilidade de achegarse a obras que recuperan a memoria, exploran a identidade e dan voz ás mulleres e ás súas historias”.

A primeira cita terá lugar o 24 de febreiro ás 19.30 horas no Auditorio do Vello Cárcere, coa proxección de “Alén dos silencios”, dirixido e escrito por Carmen P.G. Granxeiro, con Ana Real Castelo.

A segunda sesión será o 7 de marzo ás 20.00 horas, tamén no Auditorio do Vello Cárcere, coa proxección de “Pura”, dirixido por Carmen Méndez, quen asina tamén a produción e a cámara, xunto con Suso Méndez na produción e Eloy Domínguez Serén na montaxe.

As proxeccións estarán abertas ao público ata completar aforo, e contarán coa presenza das súas directoras para un coloquio posterior co público.

Sinopses

Alén dos silencios

Unha realidade silenciada pola guerra, a postguerra e os case 40 anos de ditadura no estado, emerxe para crebar os silencios da historia da miña avoa. Achégome a O Vello Cárcere, onde todo comeza e onde toma camiños paralelos aos doutras mulleres marcadas polos silencios nas súas familias. Na procura da(s) memoria(s) perdida(s), atopámonos interrelacionadas pola Historia e polas historias.

Pura

Unha muller volta a casa para recordar(se) e recoñecerse. Colle unha cámara e filma por primeira vez. O retrato da súa nai e da súa avoa é tamén o seu propio retrato. Grazas a elas, reconcíliase co lugar e as lembranzas.

Noticias relacionadas