Os centros de Fingoi, Lamas de Prado e Uxío Novoneyra acollerán ata sete propostas gratuítas con obradoiros tanto familiares como para nenos e nenas de 5 a 12 anos.
Para participar nas distintas actividades, que desenvolveranse desde o día 10 ata o 19 de febreiro, e necesaria a inscrición previa no centro, agás para o obradoiro de filloas.
Olga López Racamonde destaca a estreo destas actividades desde esta área municipal para “favorecer o ocio infantil e promover que as familias compartan tempo de ocio”.

A área de Cohesión Social do Concello de Lugo porá en marcha un novo e amplo programa co que activar o Entroido, gracias ao desenvolvemento de obradoiros de máscaras, disfraces, instrumentos, festas en familia, música e gastronomía típica destas datas. Os centros de convivencia de Lamas de Prado, Uxío Novoneyra e Fingoi acollerán as actividades que compoñen esta programación, que se desenvolverán entre os días 10 e 19 de febreiro, ás que se suman outras actividades, tamén interxeracionais, que terán lugar durante estas datas no centro social de Paco Martín.
A responsable de Cohesión social, Olga López Racamonde, sinala que “as propostas están dirixidas especialmente a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, pero tamén incluímos actividades interxeracionais, como o Festival de Cancións, en colaboración co colexio de Casás, e a Festa en Familia do Entroido, para que os rapaces e rapazas poidan ir acompañados de nais, pais, avós, etc. Esta iniciativa responde ao obxectivo do Concello de Lugo de promover actividades nas que poidan tomar parte toda a familia, favorecendo a convivencia, o divertimento xeral e o intercambio de experiencias”, explica López Racamonde. Ademais, a edil de Cohesión Social chama a atención sobre o “esforzo realizado desde esta área municipal para promover estas actividades nunha nova programación do Entroido e ofrecer estas sete actividades ao longo destas datas”.
Todas as actividades previstas serán gratuítas, co fin de “garantir a inclusión, a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, e para promover unha maior participación”, comenta a responsable de Cohesión Social. Algunhas das propostas precisarán inscrición previa nos centros de convivencia de Lamas de Prado, Uxío Novoneyra e Fingoi, onde terá lugar a maior parte das actividades, mentres que non será necesario para asistir ao Festival de Cancións e ao obradoiro de filloas de Entroido.
Programa de actividades
Obradoiro de Instrumentos
A primeira das propostas coa que Cohesión Social abre a súa programación de Entroido será o obradoiro de instrumentos musicais, que terá lugar o vindeiro día 10, de 16.30 a 18.00 horas, no centro de convivencia de Lamas de Prado. Esta actividades está dirixida a nenas e nenos de 5 a 12 anos, e para participar é preciso a inscrición previa no propio centro social.
Obradoiro de Máscaras
O xoves, día 12, está previsto, no mesmo horario, esta actividade propia do Entroido, na que poderán participar nenos e nenas de 5 a 12 anos. Para asistir tamén é necesario solicitar praza no centro de Lamas de Prado.
Obradoiros de confección de disfraces
Os días 12 e 13 de febreiro, o centro de convivencia do Uxío Novoneyra acollerá a celebración doutros tantos obradoiros de confección de traxes de Entroido, abertos a toda a poboación, para os que é necesario realizar inscrición previa, posto que contan con aforo limitado. O do xoves terá lugar entre as 18.30 e as 20.30 horas, mentres que o do venres 13, desenvolverase das 17.00 ás 19.00 horas.
Festival de Cancións
Dentro desta nova programación, se inclúe o Festival de Cancións, aberto ao público en xeral e que non precisa inscrición previa. Terá lugar o xoves, día 12, entre as 16.30 e as 18.00 horas, no centro de Lamas de Prado, e contará coa participación das aulas de infantil do CEIP de Casás.
Obradoiro de Risoterapia
O centro interxeracional Paco Martín celebrará, o vindeiro día 12, un obradoiro de risoterapia, dirixido a toda a poboación, en horario de 11.15 a 13.00 horas, que ao contar con límite de aforo precisa de inscrición previa no centro de convivencia da Milagrosa.
Festa en Familia do Entroido
Co obxectivo de implicar a toda a familia na celebración destas datas e de favorecer a convivencia, o centro social de Lamas de Prado acollerá esta festa, o luns día 16, das 17.00 ás 20.00 horas. Para participar é preciso inscribirse previamente no propio centro, que ese luns de Entroido acollerá unha tarde de música, xogos e disfraces.
Obradoiro e degustación de Filloas de Entroido
O centro de convivencia de Fingoi acollerá a actividade coa que Cohesión Social pechará a programación para estas datas. Será co desenvolvemento do Obradoiro e degustación de Filloas de Entroido, unha actividade para a que non é necesaria a inscrición previa, e que terá lugar o día 19, das 17.00 ás 19.00 horas. Para esta actividades, o Concello de Lugo conta coa colaboración de dúas veciñas do barrio, Nieves e Carmen, que serán as encargadas de impartir este curso para aprender a facer este doce tradicional de Entroido.


