O Concello de Lugo expresa o seu fondo pesar polo falecemento de Xesús Alonso Montero, Fillo Adoptivo da Cidade

Xoves, 12 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo expresa o seu fondo pesar polo falecemento de Xesús Alonso Montero, Fillo Adoptivo da Cidade

O Concello de Lugo quere trasladar o seu fondo pesar polo falecemento de Xesús Alonso Montero, Fillo Adoptivo da Cidade de Lugo, ocorrido nas últimas horas aos 97 anos de idade.

Toda a Corporación municipal e o equipo de Goberno lamentan esta perda para a cultura galega e acompañan á súa familia, amizades, discípulos e á comunidade académica nun momento de fonda tristura.

Nado en Vigo en 1928, Alonso Montero chegou a Lugo en 1960 para exercer como profesor no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio, onde impartiu docencia durante máis de quince anos. Na cidade formou a xeración de estudantes que renovou a vida cultural lucense e deixou unha pegada imborrable como mestre, intelectual e defensor incansable da lingua e da cultura galegas.

Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017 e autor dunha extensa obra ensaística fundamental para comprender a evolución da literatura e do pensamento galego contemporáneo. A súa voz, firme e crítica, converteuse nun referente ético e intelectual ao longo de varias décadas.

O pasado mes de novembro de 2025, o Concello de Lugo nomeouno Fillo Adoptivo da Cidade en recoñecemento á súa contribución á educación pública, á cultura e á identidade galega, así como pola súa fonda vinculación coa cidade, da que chegou a afirmar: “A miña patria é Lugo”. Unha expresión que resume a intensidade do seu vínculo coa cidade que o acolleu e á que dedicou unha parte esencial da súa vida.

Co seu falecemento desaparece unha das figuras máis relevantes do pensamento galego do último século, un mestre de mestres que fixo da palabra un instrumento de compromiso coa sociedade e coa dignidade da lingua.

O Concello de Lugo quere expresar o seu agradecemento pola súa traxectoria e pola honra que supuxo para esta cidade contar con el como Fillo Adoptivo, e comprométese a preservar a súa memoria como parte inseparable da historia cultural de Lugo.

En nome da Corporación municipal e de toda a cidadanía, trasladamos as nosas máis sinceras condolencias á súa familia e achegados.

Descansa en paz, mestre e profesor.

Noticias relacionadas