O artista José Blázquez será o encargado de dar inicio ao Entroido 2026

O entroido, que comezará na tarde do vindeiro venres 13 de febreiro, contará con con 17 actividades para todos os públicos.

O martes 10 de febreiro o alumnado de Primaria celebrará o Entroido con obradoiros e un folión polas rúas de Lugo en colaboración coa Tradescola.

Venres, 06 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O artista José Blázquez será o encargado de dar inicio ao Entroido 2026

O tenente de Alcalde do concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciaron que o artista José Blázquez será o pregoeiro do Entroido 2026. O pregón terá lugar na praza Maior o vindeiro venres 13 ás 20:00 na praza Maior, e a actividade estará animada pola agrupación Condensadores de Fluzo. Maite Ferreiro lembrou que a praza Maior se converterá "nun gran escenario, con gradas e carpa en caso de choiva", e animou a toda a veciñanza a participar nas diversas actividades, que inclúen un ano máis os concursos de disfraces que repartirán máis de 16.000€ en premios.

Maite Ferreiro anunciou tamén que o vindeiro martes, día 10 de febreiro, realizarase unha actividade de celebración do Entroido dirixida ao alumnado de Educación Primaria, a partir das 16:30 horas. A xornada incluirá distintos obradoiros, tanto de elaboración de elementos tradicionais do Entroido, como talleres de percusión e de saltos de boteiros en colaboración coa Tradescola.

A xornada continuará ás 18:00 horas cun folión tradicional co que se recrearán os ritmos característicos dos entroidos galegos, con toques de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, entre outros. Con esta saída polo centro da cidade, búscase que tanto as nenas e nenos participante como o público xeral dean a benvida ao Entroido e participen activamente da festa, contribuíndo a manter viva unha das tradicións máis fermosas e significativas do noso patrimonio cultural.

Multimedia

  • O artista José Blázquez será o encargado de dar inicio ao Entroido 2026

Noticias relacionadas