Arranque oficial das primeiras residencias artísticas do Coliving do Carme, que poñerán en valor o arte unido ao patrimonio rural

O alcalde, acompañado do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, abriu este proxecto pioneiro a nivel municipal, que se desenvolverá durante os próximos tres meses.  

As tres persoas seleccionadas comezarán xa a traballar nas instalacións do CAM para concretar as súas propostas, caracterizadas pola mestura de varias disciplinas artísticas.

Miguel Fernández destaca que “desde o Concello de Lugo estamos a apostar polo emprendemento e a innovación, tamén desde o punto de vista artístico e creativo”.

Mércores, 04 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arranque oficial das primeiras residencias artísticas do Coliving do Carme, que poñerán en valor o arte unido ao patrimonio rural

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participaron esta mañá na apertura oficial da primeira edición das residencias artísticas do Coliving do Carme, un proxecto pioneiro a nivel municipal que busca a posta en valor do arte, vinculado ao patrimonio rural e á riqueza natural do municipio de Lugo. Durante os próximos tres meses, as persoas seleccionadas nesta beca municipal, un artesán de Ourense, e dúas artistas multidisciplinares de A Coruña e Cantabria, desenvolverán as súas propostas, caracterizadas pola mestura de varias disciplinas.

No transcurso deste acto, o alcalde de Lugo dixo sentirse moi orgulloso da posta en marcha oficial deste proxecto, co que o Concello vai un paso máis aló na súa aposta polo emprendemento e a innovación, levando estes obxectivos ao plano artístico e creativo”. Neste sentido, Mauricio Repetto apuntou que “o Coliving Municipal do Carme vai ser epicentro do talento e das artes; agardamos que o que hoxe comeza poda chegar a ser referente da innovación cultural no ámbito municipal para outros concellos do país”.

Xunto ao rexedor e ao edil de Dinamización Económica estiveron os tres artistas seleccionados, Álvaro Corral, de Ourense; María Susinos, de Cantabria; e Marta Cuba, de A Coruña, ademais dos integrantes do xurado que tiveron que elixir estas propostas de entre os 27 proxectos presentados a esta primeira edición, e familiares do pintor Gómez Pacios, en cuxa casa se construíu o que hoxe é o Coliving do Carme.

O alcalde de Lugo tamén chamou a atención sobre o intercambio de sinerxías, tanto entre os tres artistas deste Coliving como entre eles e a propia cidade de Lugo. “Imos dar visibilidade ao traballo destes creadores, pero tamén imos integrarlles no tecido cultural, artístico e educativo da cidade, con actividades moi diversas, entre as que destaco os encontros que manterán con centros educativos”.

Ademais, o edil de Dinamización Económica e impulsor deste proxecto, desenvolvido con fondos europeos, fixo fincapé no “emprendemento cultural que supón este tipo de proxectos novos. Contamos con artistas galegos e tamén de fóra das nosas fronteiras, que terán ademais o apoio e o acompañamento para por en marcha novas iniciativas, a través do CEI Nodus, nese labor de titorización”.

Proxectos artísticos

O máis destacado destes tres proxectos é que permitirán “poñer en valor o arte, a contorna natural de Lugo, o patrimonio rural e o Camiño Primitivo”, explicou o alcalde. Así, ‘Cancela Fermosista’, de Álvaro Corral, investiga os discursos de bordado e artesanía tradicional galega para realizar unha intervención in-situ no CAM, creando unha produción fabricada con bordado de fío de metal, entre outros materiais. ‘Lluvia templada’ é o título da proposta de María Susinos, quen presenta un proxecto pictórico vinculado tamén coa expresión literaria, co que explorar espazos de ensoño, imaxinando unha pintura pluvial sobre liño, asociada á terra galega. Por último, o proxecto de Marta Cuba, titulado ‘Venera’, presenta unha instalación na que terán cabida bordado e danza, dando especial importancia aos simbolismos de xardín como unha dimensión que une o humano co transcendente, separado por veos.

Multimedia

  • Arranque oficial das primeiras residencias artísticas do Coliving do Carme, que poñerán en valor o arte unido ao patrimonio rural
  • Arranque oficial das primeiras residencias artísticas do Coliving do Carme, que poñerán en valor o arte unido ao patrimonio rural
  • Arranque oficial das primeiras residencias artísticas do Coliving do Carme, que poñerán en valor o arte unido ao patrimonio rural

Noticias relacionadas