Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, explicou que "esta feira permite coñecer de primeira man un gran número de actividades para público familiar, o que nos permite seguir achegando ás nenas e nenos unha programación culutral de calidade".
A programación anual de teatro e os eventos como o San Froilán Miúdo ou Tarde e Tardiña contan cada ano con eventos premiados no FETÉN.

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua está presente estes días na 35ª edición da Feira Europea de Artes Escénicas para nenos e nenas (FETÉN), que se celebra en Xixón e que é considerada a feira máis relevante deste ámbito en Europa. Este encontro reúne cada ano a compañías teatrais, produtoras, distribuidoras e responsables de programación cultural de todo o continente, converténdose nun punto de encontro esencial para o intercambio de ideas e a creación de novas colaboracións no eido das artes escénicas dirixidas ao público infantil e familiar.
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou que “a presenza de Lugo nesta feira é fundamental para continuar desenvolvendo unha oferta cultural ampla e de calidade dirixida á infancia”. Ferreiro explicou que FETÉN "permítenos coñecer de primeira man un gran número de actividades e propostas teatrais para público familiar, o que nos dá a posibilidade de incorporar espectáculos innovadores e recoñecidos na nosa programación anual”.
Ferreiro subliñou tamén que a programación anual de teatro impulsada polo Concello, así como o San Froilán Miúdo ou o ciclo Tarde e Tardiña, contan cada ano con espectáculos e compañías que foron premiados ou seleccionados na Feira FETÉN, “o que pon de manifesto o compromiso de Lugo coa cultura de calidade dende a infancia”.
Audio
- A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, sobre a feira FETÉN | Descargar mp3


