Os proxectos LIFE de loita contra o cambio climático, reunidos en Lugo, avanzan que a transformación sostible das cidades é imparable

Sinalan a estratexia do Lugo-Biodinámico por un urbanismo sostible como exemplo de políticas decididas e á vangarda para mellorar a vida das persoas e o medio ambiente.

A Alcaldesa, Lara Méndez, destaca o valor das accións que se desenvolven en Lugo, “que non terminan co LIFE, senón que son o inicio dun novo modelo para o municipio”.

No ciclo ‘Construíndo cidades sostibles’ participan os LIFE CerSuds (Valencia), Water Cool (Sevilla), Lungs (Lisboa), Wood for Future (Granada) e Proxecto Hoop (Murcia).

Luns, 19 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os proxectos LIFE de loita contra o cambio climático, reunidos en Lugo, avanzan que a transformación sostible das cidades é imparable

Os representantes dos proxectos LIFE de España que se deron cita hoxe en Lugo, no ciclo ‘Construíndo cidades sostibles’ organizado polo Concello lucense, coincidiron en afirmar que a transformación sostible das cidades “é imparable, chega para quedarse” nun momento de emerxencia climática onde as urbes son as grandes emisoras de CO2 e, polo tanto, parte do problema, “polo que debemos ser tamén parte da solución”.

Así mesmo, destacaron o papel que está a xogar o impulso do LIFE Lugo+Biodinámico como exemplo de accións innovadoras e á vangarda en Galicia, España e Europa sobre urbanismo sostible e de políticas decididas para mellorar a vida das persoas e do medio ambiente.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que deu a benvida aos participantes no ciclo, que se retransmitiu por streaming a España e Portugal, destacou que as accións do LIFE lucense, “que contou co apoio decidido das Universidades de Santiago, co Campus Terra e Pemade, da Politécnica de Madrid, da Deputación e do sector privado, non é un final agora que se vai rematando, senón o principio dun novo modelo urbanístico, social e económico para o municipio”. “O LIFE forma parte dunha estratexia global de cidade, e non continuar non é unha opción porque está en xogo a nosa saúde, a do planeta e o legado que lle deixamos ás vindeiras xeracións”, sostivo.

Nesta liña, a alcaldesa incidou en que o LIFE forma parte dunha estratexia, “na que estamos a intervir de maneira transversal desde todas as áreas de Goberno, con recursos propios como no caso de peonalizacións ou humanizacións dos barrios, pero tamén desde as nosas diferentes planificacións transformadoras con fondos europeos”.

Neste ciclo participaron representantes do LIFE CerSuds (Valencia), Proxecto Hoop (Murcia), LIFE Water Cool (Sevilla), LIFE Lungs (Lisboa), e LIFE Wood for Future (Granada), ademais do director executivo de FSC España, Gonzalo Anguita, e Meline González-Piloyan, coordinadora de proxectos do Pacto dos Alcaldes polo Clima.

Noticias relacionadas